Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A requinta dos Barreiros volta a casa

Álvaro Couto, membro do grupo Sons da Mina, recupera o instrumento de 100 anos que pertencera ao seu bisavó e que localizou depositado no Museo do Pobo Galego

Álvaro Couto posa co instrumento que pertencera ao seu bisavó. // Bernabé/Javier Lalín

A casa común de Oza, en Teo, acolle mañá unhas Xornadas da Requinta, que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Entre os ponentes figura Álvaro Couto, máis coñecidocomo Barreiro, gaiteiro do grupo tradicional de Sons da Mina, de Fontao (Vila de Cruces) e portador dunha requinta que pertenceu ao seu bisavó, Manuel Barreiro Brandariz, e que antes de voltar ás mans da familia tivo un longo percorrido.

Couto relata que Os Barreiros de Albín, o grupo no que tocaba o seu bisavó e un irmán deste, Jesús (que se encargaba da gaita), era un dos máis activos entre 1910 e 1950. Pola formación pasaron tamén outra requinta, a de Arturo Villar (que era zurdo), o bombo de Ramón de Xan e a caixa de Jesús de Lobagueiros. Trala morte de Jesús Barreiro, por un infarto, o grupo desapareceu, e ademais sen poder grabar un disco porque a radio lle esixía que os músicos tivesen un traxe tradicional. Isto provocou que o repertorio dos Barreiros de Albín só se puidese recuperar, en parte e moito tempo despois, grazas a que os veciños de maior idade o lembraban e puideron tararearllo aos investigadores de A Requinta de Xián. En canto á requinta de Manuel, hai uns 30 anos pasou ao seu neto e pai de Álvaro, Jesús Couto Barreiro. Daquelas, o que fora fundador de Los Monfortinos en Arxentina, Avelino Rodriguez Arteaga, tentou mercarlla, pero Jesús Couto negouse a vendela alegando que quizais algún dos seus fillos podía querer aprender a tocala nun futuro.

Pero aparece en escea un veciño de Ledesma e outro de Lalín, que convencen ao avó paterno de Álvaro para que a familia ceda a requinta para facerlle fotos e tomar-lle medidas. O instrumento non volveu á casa. Hai uns catro anos e retomando a busca que xa iniciara o seu tío Carlos, Álvaro empéñase en recuperala e contacta cos músicos Pablo Carpintero e Santi Otero, que o poñen sobre a pista de Enrique Montero Torreiro, autor ademais do primeiro libro sobre este instrumento típico da ribeira do Ulla. Montero empregou o instrumento para dar clases nalgúns lugares da zona da Ulla e, cando Álvaro Couto deu contactado con el tras varios meses de chamadas, comunicoulle que depositara a requinta no Museo do Pobo Galego. Devolverlla a finais de maio do ano pasado.

Agora mesmo, é Álvaro quen a emprega e confía en que o seu fillo de nove anos, Xián, se interese por ela. Ensaia coa Requinta da Laxeira e está facendo unha recollida de música tradicional en Cruces, onde se lembran formacións como Os Gaiteiros de Camanzo ou Os gaiteiros de Rianxo (de Piloño), cun instrumento similar. Lembra que na casa da avoa apareceran tamén unhas baquetas, e engade que o seu bisavó aprendera a tocar, de oidas, durante os ensaios que se facían na bodega da casa familiar. Hoxe, algunhas daquelas pezas, como A Muñeira dos Barreiros de Albín, están recollidas nun disco da Requinta de Xián.

Compartir el artículo

stats