Hoxe, día de San Amaro, arranca a vixésima edición do Mes do Cocido de Lalín, que rematará o 14 de febreiro, San Valentín. Desta volta son 25 os establecementos participantes, cunha capacidade global para 3.500 comensais diarios. Durante este mes, os que degusten o plato rei da gastronomía lalinense nun deses restaurantes terán dereito a lucir o pin emblemático deste ano, que saiu dun concurso infantil para conmemorar o 50º aniversario da Feira do Cocido, que terá o seu día grande o 4 de febreiro.

Aínda que o "mes" comeza hoxe, a maioría dos negocios que participan nel xa leva semanas, cando non meses, coa temporada de cocidos en marcha. "Nós levamos dando cocidos todas as fins de semana desde a primeira de outubro, incluso algúns días que houbo 28 graos de temperatura", indican desde Casa Currás. É máis, aseguran que ata no verán teñen encargas de cocido, sobre todo pola crecente presenza de estranxeiros, debido á promoción do Camiño de Inverno, que atravesa o núcleo urbano de Lalín. Desde decembro a oferta de cocidos é xa diaria, e así seguirá, se o tempo acompaña, ata Semana Santa. Onte estiveron "a tope". E, coma eles, máis negocios do centro.

Algo semellante lle sucede a restaurantes emprazados fóra do núcleo urbano, coma o Pazo de Bendoiro, que empezou a súa particular temporada de cocidos en novembro e desde entón, todas as fins de semana e algúns durante a semana por encarga. A súa responsable que, neste aspecto, non se nota a costa de xaneiro e que mesmo teñen xa reservas para a fin de semana da feira. "Este ano van con moita antelación, que outras veces esperaban máis aos últimos días", subliñan desde Bendoiro.

Por encarga tamén levan un tempo servindo cocidos noutros establecementos -caso do Hotel Pontiñas, que onte serviu unha vintena-, que agora pasarán a ofrecelos na súa carta cotiá. O prezo varía desde os 20 ata os 45 euros por persoa, cunha media de 26 euros, na mesma liña dos anos anteriores. Iso si, todos os locais teñen un compromiso de calidade nos seus platos.

Os 25 restaurantes que garantizan o plato emblemático nas súas cartas durante este mes son: Pazo de Bendoiro (Bendoiro), Onde Antonio (polígono Lalín 2000), O Agarimo (Donramiro), A Taberna de Vento e La Estación (ambos en Botos), Casa do Patrón (Doade), Casa San Martín (O Corpiño), Mesón O Cruce e Parrillada La Robleda (ambos en Vilatuxe), Casa Pablo (A Goleta), Catro Camiños (Cercio), Bar Suso (Carragoso) e, xa no núcleo urbano: O Polo, Casa Currás, Hostal As Vilas, parrilladas Villanueva e Taboada, Hotel Pontiñas, Pensión Las Palmeras, Asador O Toxo, Cabanas, El Rincón de la Mariposa, Kilómetro 0 e La Molinera.