Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cóengo Ramiro Ciorraga Soto e a familia Torres Agrelo (II)

As mesmas familias e persoas vencelladas ao agrarismo católico local integraranse logo na Irmandade da Fala da Estrada, fundada en 1918

José Fondevila Torres e a súa dona.

O ano de 1908 trae importantes acontecementos para o agrarismo da comarca. No mes dexaneiro, Torres Agrelo, representando as sociedades agrícolas estradenses, intervén na asemblea antiforista de Teis e en maio participa con Losada Diéguez e o ex-alcalde Laurentino Espinosa Valladares, entre outros, no acto fundacional da Sociedade Agrícola de Callobre, entidade que presidirá Manuel García Barros e se adherirá ao Directorio Antiforista.

Entón, inesperadamente, o domingo 30 de agosto, Ramiro Ciorraga Soto falece, con 39 anos, mentres pronuncia un sermón na igrexa parroquial de Cangas do Morrazo. O xornal El Estradense refire así a chegada á Estrada dos seus restos mortais: "El lunes 31 de agosto a las cinco y media de la tarde llegó a este pueblo el cadáver del ilustre muerto. Venía el féretro desde Pontevedra en una lujosa carroza tirada por cuatro caballos y escoltada por siete coches ocupados por amigos del finado, entre ellos el Sr. Marqués de Riestra, el ecónomo de Cangas D. Valentín Losada y D. Jesús Durán que desde Cangas formaban en la fúnebre comitiva a la que se agregaron entre Cuntis y La Estrada seis coches más. En el puente del Regueiro esperaba numeroso clero con cruz alzada y una importante masa de gente, y allí se organizó la marcha hacia el cementerio, recogiendo las cintas el sabio catedrático del seminario D. Valentín Villanueva y tres ahijados de misa del llorado Ciorraga, D. Pastor Constenla. D. Luis Torres y D. José Meijide." Losada Diéguez publica entón, baixo o título de "El hijo de La Estrada", un necroloxio no mesmo xornal: "Fue un amigo del pueblo, que empleó todo su valer en realzar a los trabajadores y a los pobres. Nunca se contaminó con luchas mezquinas y desapareció de la tierra limpio de toda levadura insana." Manuel García Barros dedícalle unha elexía: "Caeu o forte: aliados / dardos de veneno cheos / o corazón lle feriron / e matárono a destempo."

A pesar deste infortunio, o agrarismo estradense prosegue o seu desenvolvemento e en decembro de 1908 queda constituída en Callobre a Federación de sindicatos agrarios da Estrada, ocupando a presidencia Torres Agrelo e a vicepresidencia García Barros. As campañas de axitación antiforista dos agraristas estradenses recibirán un importante impulso cando en 1911 Chinto Crespo, do Directorio de Teis, é desterrado na Estrada e aínda que no ano seguinte Torres Agrelo e García Barros deberán ceder o protagonismo na Federación a novos dirixentes, tanto un como outro continuarán a participar no agrarismo e na vida social estradense. Así, nas décadas seguintes as mesmas persoas e familias aparecerán ligadas a diversas iniciativas políticas, como o galeguismo, o nacionalismo galego e o movemento republicano. En 1916 xorde a corrente das Irmandades da Fala, na que se incorporará Losada Diéguez, chegando a presidir a Irmandade de Ourense. Con todo, Losada preséntase ás eleccións xerais de febreiro de 1918 no distrito da Estrada, como candidato anticaciquil e anti-riestrista: "Mirando al ideal, y con todo el corazón puesto en Galicia, a todos los electores de este distrito me dirijo, y en especial a los agrarios compañeros míos de lucha en otros tiempos y amigos de siempre", declara no seu manifesto electoral. Torres Agrelo participa activamente na campaña de Losada, en cuxo programa figuran, entre outras bases, a supresión das deputacións provinciais, a redención de foros, o desenvolvemento das sociedades de agricultores ou a creación de escolas. "Y con respecto especialmente a nuestro distrito prometo trabajar hasta conseguir que sea un hecho la construcción del tan deseado ferrocarril central que cruza nuestra comarca." Pero, a pesar de todos os esforzos, a candidatura de Losada Diéguez sairá derrotada polo caciquismo. A Irmandade da Fala da Estrada, fundada en xuño de 1918 coa cooperación de Losada, integrará nas súas filas persoas como García Barros, Torres Agrelo e o seu sobriño José Fondevila Torres, Xosé Otero Abelleira, Perfecto Porto Fraiz, Rafael Varela Pazo ou Carlos Pardo Ciorraga, sobriño de Ramiro Ciorraga (véxase o volume A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Insua). Outro sobriño do finado cóengo, Rafael Pardo Ciorraga, participa, sendo estudante en Compostela, na Xuntanza Escolar Nazonalista; ademais, en xaneiro de 1920 fúndase a Xuventude Nazonalista de Santiago, con Valentín Paz Andrade como presidente e Rafael Pardo Ciorraga como secretario (Antón Capelán Rey, Diatribas manuelinas e outros textos de ocasión). Carlos e Rafael Pardo Ciorraga eran fillos de Carolina Petra Ciorraga Soto e Camilo Pardo Feijóo, quen en 1916 aparece colaborando economicamente co proxecto de monumento a Rosalía de Castro en Compostela, inaugurado en 1917: "Da Estrada recíbense 50 pts. do tenente coronel Encina e 15 de Camilo Pardo" (M. A. Seixas Seoane, Quen fora pedra. Centenario do monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago de Compostela). En 1920 tamén nace na Estrada o xornal El Emigrado, que desde o número 15 se subtitulará "Órgano de las Sociedades de Emigrados y de Agricultores", con Otero Abelleira na dirección, García Barros como xefe de redacción e Torres Agrelo como colaborador. O grupo de El Emigrado, e particularmente Torres Agrelo e José Fondevila Torres, impulsará importantes iniciativas de desenvolvemento social e rural, coa execución de infraestruturas, a industrialización da agricultura como obxectivo e a promoción da instrucción (creación de escolas, organización de certames e festas escolares como a dos Pereiriños?). Pedro Varela Castro, no seu libro La Estrada (1923), rexistra unha das iniciativas económicas de Torres Agrelo: "Por el territorio de Callobre corre el regato de la Fervenza, del que D. Manuel Torres Agrelo aprovecha un salto para su fábrica de aserrar, tornear y molturar." O mesmo Luís Torres López, sendo párroco de San Martiño de Callobre, colaborará nos proxectos educativos da freguesía. Así, en 1921 a Sociedade de Agricultores acorda abrir unha subscrición para erixir na casa-escola un andar que servise de vivenda aos mestres, nomeando para iso unha comisión presidida por Luís Torres. E cando se constitúe, no mesmo ano, a comisión parroquial de instrucción primaria e protección á infancia de Callobre, a súa composición será a seguinte: María Pazos López, mestra; Julio Pereira Armesto, mestre; Luís Torres, párroco; José Porto Louzao e Jacinto Villamañán, veciños, e José Requeijo, representante do Centro de Emigrados. O 19 de marzo de 1922 o xa referido José Fondevila Torres, entón vicesecretario da Casa dos Emigrados,contrae matrimonio na Estrada con Josefina Mato Brea, filla do comerciante Antonio Mato Moreiras, oficiando a cerimonia o seu curmán Luís Torres López.

Como se ve, unha nova e activa xeración, representada polos sobriños de Ramiro Ciorraga Soto e Manuel Torres Agrelo, aparece na escena social e política estradense durante a segunda década do século XX.

Compartir el artículo

stats