O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, mantivo onte pola tarde unha reunión con integrantes da hostalería local coa finalidad de comezar a artellar a segunda edición do evento gastronómico Lalín con gusto, que se celebrará en 2018. Logo do "rotundo éxito" alcanzado na estrea, desde o goberno póñense mans á obra mirando cara a vindeira edición coa idea de "darlle un importante salto cuantitativo e cualitativo", tal como apunta o edil.

No encontro participaron preto dunha ducia de hostaleiros que puxeron enriba da mesa as primeiras propostas e suxestións dirixidas tanto a corrixir erros da primeira experiencia como a introducir melloras e cambios de cara á do ano que vén. As principais novidades pasan pola mellora de infraestrutura e a introdución de novas temáticas e novos participantes, a maiores dos da primera edición, cos que se volverá a contar "como garantía".

"Cada unha das medidas que se tomen irán encamiñadas a potenciar unha actividade que xa superou todas as espectativas -expón Vilariño-, non so pola gran asistencia de público, senón tamén por alcanzar sobradamente os obxectivos: Poñer en valor a variedade e calidade do produto de Lalín e potencia e dar a coñecer o talento da hostalería e da restauración locais". Estas seguirán sendo as directrices de Lalín con gusto, pois a gastronomía e a cociña son "unha das nosas cartas de presentación, polo que imos seguir apostando firmemente, no só no relativo ao cocido", conclúe o edil.