Lalín lembrou onte a un fillo predilecto "fiel e leal a Galicia". Así foi como definiu a Xosé Cuíña Crespo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, un dos cinco deputados ourensáns que se pecharan nun piso en 2004 dentro do órdago de José Luis Baltar a Manuel Fraga logo da defenestración do seu eterno delfín. A intervención tivo lugar no transcurso da homenaxe ao que fora alcalde de Lalín, presidente da Deputación e conselleiro da Xunta de Galicia, co gallo do décimo aniversario da súa morte, que se cumprirá o día 28.

Os actos comezaron cunha misa na igrexa parroquial de Lalín, oficiada polo bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, e cantada pola Coral Polifónica de Agolada. Íntimo amigo da familia Cuíña, o prelado destacou do homenaxeado a "lealdade coa súa xente e cos seus principios" e as súas "profundas crenzas cristiás". O párroco Marcos Torres deu as grazas ás persoas que encheron o templo en nome da familia e lembrou que cando el coqueteaba coa política -foi responsable local de Novas Xeracións do PP-, Cuíña o advertira: "Na política un día bótanche incenso e outro danche co incensario".

A lembranza tivo continuidade logo no Salón Teatro, onde unha fotografía de Xosé Cuíña presidía o escenario, sobre o cal se proxectou un vídeo e onde os seus netos obsequiaron á viúva, Mari Carmen Aparicio, cun ramo de flores. Como presentador estivo Gúmer Portas, de Radio Lalín, e o primeiro en intervir foi José Ramón González, organizador do acto xunto aos tamén empresarios Manuel Taboada e Román Pedreira. O expresidente da AED recordou os inicios da súa amizade con Cuiña na década de 1970, cando os dous eran emprendedores que soñaban con innovar no mundo do aluminio. "Grazas a el Lalín mellorou moitísimo", apuntou González, que incluso apostou que se Cuíña vivira "se cadra" non se notarían tanto os efectos da crise no municipio.

Juan Cabanelas, arquitecto ourensán, dedicou un poema da súa autoría ao que calificou como "o mellor amigo" que tivo. A continuación falou Rafael Cuíña Aparicio, quen, ao contrario do que nel é habitual cando ten que falar en público, se declarou "nervioso" nun día "especial". Desde a esfera máis familiar, admitiu de bo grao que "o olliño dereito" de seu pai sempre fora a súa irmá María, algo que "tiña asumido" coa maior naturalidade. E, desde o punto de vista profesional e humano, puxo a Xosé Cuíña como guía e exemplo no seu día a día como alcalde. "Sempre intento pensar como faría el ou como lle gustaría que fixese eu", manifestou. "Lalín non sería hoxe o que é sen a figura de Xosé Cuíña", declarou o rexedor, que tamén tivo palabras eloxiosas para o sucesor deste e predecesor del, o senador José Crespo, quen acudiu aos actos acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o exedil Manuel Gómez Estévez e o carballiñés Aurelio Miras Portugal. Rafael Cuiña lembrou aos que o acompañaran na candidatura independente que lle deu a Alcaldía de Lalín en 1979, así como a algúns dos seus compañeiros presentes, caso de José Luis Baltar e Xesús Palmou. Os alcaldes Jesús Otero (Vila de Cruces), Ramiro Varela (Agolada), Luis López (Rodeiro) e Adolfo Campos (Dozón) non faltaron a unha cita na que, por parte do goberno lalinense, só acudiron os membros de Compromiso por Lalín e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, do PSOE.

Miguel Santalices glosou a figura dun "parlamentario, compañeiro de partido e amigo de fortes conviccións ata as últimas consecuencias". Tivo un xesto coa súa antecesora, Dolores Villarino (PSOE), que ofrecera velar o cadáver de Cuíña no Parlamento de Galicia, se ben á familia preferiu ter o acto público no consistorio lalinense. Santalices lembrou ao homenaxeado como un político "de raza" e "leal" que nunca abandonou o seu partido "malia a certos episodios complicados". Carballo da Manteiga, que xa interpretara algunhas pezas durante o evento, pechou co Himno Galego, xusto despois de que Santalices finalizara a súa alocución lembrando, como facía o propio Cuíña -tradición que segue o seu fillo, e onte non ía ser menos-, a "Galicia, nai e señora".