A Casa da Xuventude de Silleda acolle o vindeiro xoves, día 21 (ás 19.30 horas) unha conferencia do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. O experto presentará o programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, un novo programa de promoción da lingua galega para concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística, que toma como base a toponimia de Galicia. Feijoo explicará cómo se pode consultar a toponimia xeorreferenciada de cada concello no Buscador de topónimos. Hai, ademais, unha aplicación que lles permite aos veciños colaborar, rexistrando ou subindo tanto microtopónimos como as lendas que están asociadas a eles, para que toda a cidadania poida contribuir a salvagardar este patrimonio inmaterial. Trasdeza xa é un referente neste ámbito, posto que conta cun traballo que realizou o ano pasado o IES Pintor Colmeiro e do que o Concello asumiu a edición.