Un grupo de estudantes do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, e mailo activista social lalinense Pablo Romeo Chorén gañaron os Premios Provinciais á Xuventude en materia de Educación en valores e Iniciativa social -respectivamente-, dúas das sete categorías en que se dividen. Uns e outro recolleron os galardóns nunha gala celebrada onte á tardiña no Pazo Provincial de Pontevedra, con asistencia da presidenta da Deputación -convocante dos premios-, Carmela Silva, e dos deputados Digna Rivas (Cohesión Social e Xuventude), Xosé Leal (Cultura e Lingua) e Javier Dios (Innovación e Promoción Económica).

Promovendo a educación en valores para a mocidade de Silleda é o título da obra dos alumnos do Pintor Colmeiro, de idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos, que lles valeu un premio en metálico de 2.000 euros. Trátase dun traballo con proxectos diferenciados pero complementarios e con obxectivos de gran alcance. Exténdense máis alá do marco educativo do centro escolar, implicándose nos conflictos que xurden na súa comunidade. Nalgunhas das actuacións do proxecto participaron centros educativos doutros concellos e incluso interaccionaron con persoas doutros países. Entre os seus resultados máis salientables hai que apuntar que o propio alumnado é o que interpretou e difundiu os valores máis alá da comunidade educativa, ben mediante cancións, teatro, radio ou televisión.

O segundo premio desta categoría, dotado con 1.000 euros, foi para o CPR Plurilingüe Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa, coa obra Unha historia con historia. O proxecto traballa de xeito transversal a importancia de valorar a diversidade e o carácter único e especial de cada persoa, centrándose na inclusión do alumnado con Trastorno del Espectro Autista (TEA) dentro da aula. Os autores teñen entre 16 e 19 anos. Os cartos deberán destinarse na súa totalidade á adquisición de material e/ou saídas educativas.

O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui que promove Pablo Romeo Chorén, de 30 anos de idade, foi merecente doutro primeiro premio, tamén dotado con 2.000 euros. Esta iniciativa solidaria está composta por diferentes actividades co obxectivo de visibilizar a situación na que vive a poboación saharaui e sensibilizar aos galegos sobre o conflito do Sáhara Occidental. Iniciado en 2013 no concello de Silleda, o proxecto celebrou este ano a súa quinta edición. Nel dase a coñecer o patrimonio cultural galego (idioma, paisaxe, música tradicional...), promove valores sociais na comunidade sobre persoas refuxiadas e acada financiamento para a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). O xurado valorou a concreción e descrición do proxecto, así como o impacto social e a súa proxección.

A segunda distinción en Iniciativa social, con 1.000 euros, recaeu no Centro Xuvenil Abertal, creado en 1979 en Vigo, polo seu clube de ocio para persoas con discapacidade.

As outras modalidades eran: Iniciativa empresarial, tamén con dous galardóns, e, xa con tres, blogs, dos cales o segundo, dotado con 1.000 euros, foi para Ángel Santomé Fentanes, de Cerdedo-Cotobade, por Guíate Galicia, un caderno dixital de promoción da cultura e patrimonio de Galicia e de difusión dos servizos profesionais como guía turístico ofertados polo autor; fotografía orixinal; traballos musicais; e traballo literario breve. A gala de entrega estivo amenizada pola rapeira Rendi Núe e a peza gañadora de creación musical Dawn of inspiration, de Álvaro Manuel Beiró Rodríguez. Nana e Lidia Cao pintaron un graffiti.