Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A voltas co Camiño da Geira Romana e dos Arrieiros

De volta de Santiago ata o século XX, os arrieiros continuaban o camiño polo Paraño para ir a Ourense, Castela e Ribadavia

Carromato dos Troitiño de Cerdedo, tomada nos anos 20 en Pontevedra diante da Casa Comercial Severino Martínez. // Imaxe de arquivo de Luis Caxide, publicada na Miscelánea Histórica e Cultural A Estrada

Ata os anos 30 e 40 do século XX, momento en que comeza a xeneralizarse o uso do automóbil tanto para transporte de pasaxeiros como de mercancías, a figura do arrieiro recorría os camiños de Galicia e, máis concretamente, os camiños que ían de Ribadavia ata Santiago de Compostela.

O arrieiro levaba unha reata de bestas ou un carromato tirado por mulas ou cabalos que eran estimulados para que se botasen a andar baixo o son de "arre", do que deriva "arrear" e "arrieiro" (tamén trala voz "ar" se manda desfilar aos soldados). O seu andar era paseniño, pois tardaban tres días completos en ir desde Ribadavia ata A Coruña. Nalgúns documentos dise que os carromatos eran tirados por catro ou cinco bestas, de aí o refrán: "arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de cana, máis perden do que ganan".

A vida do arrieiro non era doada: andar por camiños moi abandonados, durmir en palleiras, loitar contra os elementos como a chuvia, vento e sol, ser obxectivo de ladróns, sufrir accidentes coa perda de animais e mercancía, etc.

"A vida dos arrieiros

É moi mala de levar,

Á noitiña déitanse tarde

Pola mañá madrugar".

A mercancía máis frecuente para os arrieiros era sen dúbida o viño. Viño do Ribeiro que se levaba en pelellos non só ás cidades, senón tamén ás diversas "sisas" ou tendas que vendían viño nas aldeas.

O viño era un elemento moi importante na vida da xente, pois era un alimento, unha medicina e un artigo elemental cando había algo que celebrar. O viño acompañaba habitualmente as comidas da xente, de aí "con pan e viño, ándase o camiño", e por iso no século XVII cando os monxes de Aciveiro necesitaban recoller a neve para encher as súas neveiras, lles daban a cada un dos traballadores un real, tres cuartillos de viño, tres libras de pan e algunhas sardiñas.

Pero pola lista que tiñan os que cobraban o portádego para o conde de Ribadavia, sabemos que tamén se transportaba peixe, como o congro fresco ou curado, pescada (que podía ser en escabeche), sardiñas, polbo e lampreas. Entre os comestibles enuméranse o touciño, manteiga, aceite, arroz, garavanzos, azucre, mel, figos, trigo, castañas, etc. E tamén carrexaban panos, liño, lenzos, coiros, caldeiros, vidros, madeira, ferro e aceiro, entre outros.

Pero non todo se valoraba igual, as cousas máis comúns tiña un prezo máis baixo que as cousas menos ordinarias. Na segunda metade do século XVIII por pasar pola xurisdición do conde de Ribadavia os arrieiros tiñan que pagar de portádego por cada carro de gran, viño ou sal 10 marabedís, se se trataba dun carro de castañas, trigo, palla ou madeira o custe subía a 17 marabedís, e se o que carretaba era panos, lenzos ou pescado entón tiñan que pagar un real (34 marabedís).

O máis caro dos portádegos, e quizais por iso máis raro, era transportar un corpo morto pois costaba 6 ducados (2.244 marabedís), a non ser que se tratase dun eclesiástico, pois estaban exentos, ao igual que as mercancías que pertencían a diversos mosteiros. Tan exorbitante cantidade quizais se poida explicar polo medo que se tiña a que o defunto puidese estender a peste, tan mortífera en séculos pasados.

O conde de Ribadavia cobraba pois por pasar polos camiños, que estaban baixo a súa xurisdición, de acordo cun privilexio que os Reis Católicos lle deron no ano 1.488 ao primeiro conde de Ribadavia, Bernaldino Pérez Sarmiento, fillo de Diego Pérez Sarmiento, conde de Santa Marta. A cambio tería que ter ben dispostos os camiños, investindo neles o que cobraba polos portádegos.

O portádego cobrábao nos seguintes lugares: Cenlle, Sanamaro, Porto de Eguas, Partovia, Pazos de Arenteiro, Gomariz, Verán, Beiro, Maside, etc., o que nos leva a dicir que había dúas rutas que ían desde Ribadavia cara Carballiño (unha por Cenlle, Sanamaro ata Porto de Eguas, onde se xuntaba coa que viña por Bieite, Gomariz, Fonteantiga ata Porto de Eguas, desde onde seguía cara Partovia ata Carballiño), outra ruta pasaba por Pazos de Arenteiro cara Boborás e outra por Beiro cara Beariz.

Por distintas testemuñas documentais e de tradición oral, desde Soutelo de Montes os arrieiros frecuentemente continuaban o camiño polo Paraño, non só para ir cara Ourense e Castela, senón tamén para ir por Boborás ou Carballiño cara Ribadavia. Así atopamos que no ano 1728 don Pedro Arias Mariño, veciño de Santa Uxía de Ribeira, deulle 150 reais a un arrieiro de Santa Mariña de Ribela para traer viño do Ribeiro. Acompañaba ao arrieiro un taberneiro a quen Pedro encomendara a compra do viño, pero no Paraño o taberneiro baixou na venta e o arrieiro continuou pois dicía que non lle paraban as mulas e non quería perdelas xa que levaba nelas 750 reais que eran de seu. Este dixo logo que o asaltaran uns emboscados e que a coiteladas lle quitaran os cartos, polo que malparado estivo dous meses baixo coidados médicos. Don Pedro non lle deu creto pois dicía que o Paraño non era perigoso, pero o arrieiro alegaba que aos poucos días mataran alí a un home.

As anécdotas sobre arrieiros son moitas pero nós rematamos co que contaba Marcial Valladares:

Bebendo onde eu me atopaba

Dous arrieiros un día

Dixo o que menos bebía

Ó que un gran vaso apuraba:

"Compadre, irei tras dun moio?"

E o bebedor contestou:

"Compadre, de que falou?

Que eu, cando bebo, non oio".

Compartir el artículo

stats