A comezos de outubro, o IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, acolleu unhas xornadas sobre o mestre e activista político que nacera na parroquia trasdezá de Cortegada en agosto de 1887. Este ciclo de conferencias acompañouse dunha exposición que leva por nome Antón Alonso Ríos. Política e pedagoxía para un país, que dende o próximo venres, día 24, e ata o 14 de decembro poderá visitarse na Casa da Cultura de Silleda.

A mostra inclúe fotos, fondos bibliográficos do autor e incluso mobiliario dunha escola da II República, moi similar aos centros nos que Alonso Ríos impartiu clase antes de que estoupase a Guerra Civil. A Fundación Peirópolis foi a que facilitou os mobles e o instrumental que empregaban escolas da época, como a de Aroura del Porvenir, en Tomiño, da que Alonso Ríos chegou a ser director e que financiara o colectivo emigrante do mesmo nome fundado en Río de Janeiro, que tiña ademais sucursais en Lisboa, Nova York e Bos Aires.

Quen visite a exposición tamén terá a oportunidade de contemplar parte da biblioteca persoal que este sabio posuía en Bos Aires, ademais de orixinais de publicacións súas como artigos en prensa ou ensaios. Completa o percorrido a correspondencia que mantivo Alonso Ríos con Isaura Gómez Pérez, unha veciña de Tomiño, con quen se escribiu dende 1975 ata o seu pasamento, en 1980. Nestas misivas, o silledense amosa o seu pensamento durante os anos posteriores á dictadura franquista.

O Concello de Silleda quere agradecer ao de Tomiño a cesión desta mostra, "que nos axudará a todos os veciños e veciñas a continuar afondando na figura dun dos nosos persoeiros máis ilustres do último século, cando se cumpren 130 anos do seu nacemento", apunta o alcalde, Manuel Cuiña.

Na actualidade, a súa obra literaria sobe educación e política é estudiada por historiadores e profesionais da docencia. Alonso Ríos deixou para a posteridade títulos como Noite i Amañecer de Galicia (1942); A cultura galega na súa dimensión americana (1961) ou a coñecida O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte (1979), na que precisamente se recolle cómo tivo que vivir cunha personalidade falsa e traballar de criado en diversas casas dos concellos de Boborás (na comarca ourensá do Carballiño) ou en Rois (na Coruña). Alonso Ríos é, xunto a Ramón de Valenzuela, unha das figuras máis importantes da loita contra a represión franquista no concello trasdezao.