Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O IES Laxeiro estrea biblioteca "do século XXI"

O centro lalinense dalle protagonismo ao tempo de lecer e á convivencia nun espazo que ten unha finalidade versátil

Zona de DVD e cómics. // Bernabé/Javier Lalín

Despois de meses de obras no IES Laxeiro tanto alumnos como profesores xa poden gozar dos novos servizos do centro, entre os que, sen dúbida, destaca a biblioteca. Este espazo, aproveitando os traballos de remodelación, ampliouse para dar cumprimento a unha necesidade. A antiga biblioteca facíase moi pequena para o alumnado; agora, aínda que non todo o grande que lle gustaría ao instituto, o lugar conta cunhas dotacións que apostan pola modernización do espazo, buscando que os usuarios se sintan cómodos e, á vez, a vexan útil. Para iso, o equipo encargado da biblioteca, coa profesora Gracia Santórum como coordinadora, apostou por un lugar versátil e funcional.

Á antiga biblioteca, para ganar espazo, anexionóuselle o que era a sala de profesores, que contiña dous espazos, un deles adicado aos ordenadores. Desta maneira, o novo servizo está dividido en varias partes, unha delas para o estudo e os traballos grupales; outra para o lecer, que contará incluso cunha videoconsola; e unha terceira parte para un apartado máis tecnolóxico, con ordenadores e xogos matemáticos e científicos. Santórum destaca que "o que se trata é de facer unha biblioteca do século XXI, que non ten nada que ver coas que había antes que eran para estar en silencio e estudar". Neste senso, especifica que "a biblioteca tamén evolucionou e agora e sempre debe ser versátil, un lugar de encontro para toda a comunidade escolar, incluídas as familias e que, ademais, debe conectarse con toda a actividade cultural do Concello".

Dende o centro apostouse pola innovación pero tamén pola funcionalidade. Xa que, aínda que inclúe novidades como son o fitballs -que procuran que os alumnos aprendan a sentarse correctamente para evitar danos nas costas-, tamén conta con mobles prácticos, que permiten o seu fácil desprazamento, por se nalgún instante se ten que modificar o lugar para acoller un evento, como pode ser unha charla.

Así, Santórum destaca que se intenta reutilizar o que había, como no caso dos fitballs que se recuperaron do ximnasio do instituto. Outra das novidades será a futura colocación dunhas hamacas. A profesora explica que "é unha biblioteca moi diferente á idea que temos, do que se trata é de que se integre todo tipo de alumnado e que se creen redes de traballo nos grupos. Tamén se procura que unha clase se poida dar dunha maneira diferente, que veña o profesor cos alumnos para impartila. Busca un concepto de dar a clase diferente, porque está claro que hai que cambiar un pouco". Ademais diso, a profesora agradece que dende a dirección do centro e do claustro se respecte o traballo realizado polo equipo que coordina.

Adxacente á biblioteca tamén se puxo en marcha un lugar que procura ser un referente. O centro creou o "vestíbulo da igualdade e mediación", un espazo que conta con libros e xogos feministas, así como unha mesa na que realizar traballos en grupo. Buscando economizar o espazo, polo centro habilitáronse outras mesas que os rapaces poden utilizar como punto de encontro, tamén se repartiron polos corredores estanterías con algúns dos 15.000 exemplares cos que conta o instituto. Asemade, na biblioteca, á que pode acudir calquera persoa nun horario de 9.00 a 22.00 horas, encóntrase un amplo catálogo de películas en DVD, comics e xogos de mesa.

Compartir el artículo

stats