"O turismo como se concibe hoxe en día ten que pasar polo mundo das experiencias. O enoturismo non deixa de ser unha actividade na que se difunde unha oferta baseada nunha experiencia que está arredor da cultura do viño, da cultura gastronómica e a do patrimonio", dixo onte no Salón Teatro de Lalín Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, e sumiller, na conferencia-coloquio do Club FARO sobre gastronomía e enoturismo como factor diferencial. No acto estivo acompañado polo cociñeiro fundador do Grupo NOVE, Pepe Solla, o deputado provincial David Regades e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña. Cuiña e Regades introduxeron aos convidados, que fixeron unha exposición conxunta sobre as virtudes do enoturismo nunha terra como Galicia.

Cannas lembrou que o vindeiro domingo celébrase o Día Nacional do Enoturismo e destacou que "Galicia na actualidade ten un grandísimo potencial enoturístico e gastronómico, que xa é unha realidade". O director do Instituto Galego do Viño tamén falou dos últimos datos sobre o enoturismo desvelando que "en España, móvense máis de 60 millóns de euros polo enoturismo; un potencial que deixa un dato de visitas a adegas de máis de 3 millóns de persoas, e medra máis do 25 por cento anual". Xoán Cannas lembrou que con estes datos "hai que pensar que hai un nicho de negocio moi interesante para todo aquelo que ten que ver con esta experiencia que se pode sumar ao turismo". O sumiller tamén sinalou que "en Galicia temos clarísimos exemplos de lugares de peregrinación para os que amamos o viño; o outro día falaba cun amigo meu que me comentou que nun período estacional de seis meses en Rías Baixas ten 40.000 clientes". Cannas tamén falou da procedencia dos enoturistas que chegan a Galicia, chegando a decir que "nós experimentamos este ano un 12 por cento de clientes portugueses, que é un clásico das Rías Baixas, pero tamén tivemos outro 12 por cento de clientes extranxeiros, que é algo histórico porque nunca se vira tanto foráneo na zona occidental de Galicia". Cannas insistiu en que "camiñamos hacia un turismo experencial e emocional".

Pola súa banda, Pepe Solla comentou aos presentes que "realmente a forza dun restaurante vai cada vez máis pola experiencia que lle podemos xerar ao cliente dentro do noso restaurante e non porque se cociñe moi ben, e esa experiencia pasa por identificarte co teu entorno particular". Solla foi moi crítico afirmando que "faltou excelencia sempre en Galicia, e iso ten que ser un obxectivo porque tamén e certo que xa empezamos a ter esta ambición porque Galicia sempre foi un lugar de grandes productos, pero nunca excelentes". O cociñeiro explicou que "a responsabilidade era de todos, de nós que non o sabiamos traballar e cuidar para transmitir esa excelencia, do proveedor que ata non hai moito eran tramposos, do pescador ou do que cultivaba. Dende hai uns anos estamos xa buscando o concepto de excelencia a todos os niveis, e hoxe en día en Galicia xa somos conscientes de que o peixe e incríble, pero tamén teñen que selo os mariñeiros cando o pescan, collendo as pezas con mimo para facelas chegar ao noso restaurante".

Nos minutos finais da interesante charla-coloquio do Club FARO de Lalín, tanto Cannas como Solla falaron da beleza como factor determinante, tamén no enoturismo, e da importancia do trato cos clientes potenciais. O director do Instituto Galego do Viño falou da "democratización da cociña porque xa podemos comer en moitos bares e tascas de comida, e penso que ese é o gran legado do grupo NOVE; esa base de cultura gastronómica que queda en Galicia". Xoán Cannas desenrolou o concepto de patrimonio paisaxístico explicando que "cando falamos de enoturismo todos pensamos en sitios como California, a Toscana ou Burdeos, e cando as visitas pensas que teñen eles que non temos nós, e para mín o máis claro de todo é o sentido de beleza colectiva porque todo o mundo está pendente de como é a súa paisaxe, porque o feísmo está erradicado destes destinos enoturísticos tan coñecidos".

Pepe Solla adicou as súas derradeiras verbas aos presentes no Salón Teatro de Lalín para suliñar que "non hai que perder de vista que o máis importante é o cliente, porque eles son os que fan que os nosos negocios sigan adiante". O chef de Casa Solla tamén salientou que "o público galego evolucionou unha bestialidade dende que eu levo neste negocio, do que xa fai máis de vinte anos". Solla e Cannas remataron as súas intervencións facendo votos para que o enoturismo sexa pronto unha oferta máis do potencial turístico galego.