A conferencia-coloquio do Club FARO en Lalín de onte tivo un apartado especial para o plato por excelencia da cociña dezana, e tamén da galega. Foi Pepe Solla o encargado de preguntar aos numerosos cociñeiros locais "se credes que o tema do cocido vos perxudica máis do que vos beneficia e pode ser un corsé que fai difícil variar cousas?". O alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, foi o encargado de contestar en primeiro lugar decindo que "eu o vexo como a evidencia de que é o motor económico importante, e que este goberno pensa que Lalín ten que ser moito máis que cocido, o que pasa é que cando as cousas están funcionando non deben mudar demasiado; penso que estamos apostando por políticas de turismos como non se fixo en moitos anos". Cuiña tamén explicou que "temos que diversificar dentro da calidade" para manter a Lalín como un dos destinos turísticos do interior de Galicia.

O debate trasladouse ao patio de butacas coas intervencións de varios hosteleiros locais presentes, que aproveitaron a cita para manifestar as súas opinións. Todos eles coincidiron en afirmar que o cocido é un plato que axuda a sobrevivir aos establecementos lalinenses todo o ano. Tamén se escoitaron opinións sobre a importancia da formación no eido hosteleiro, ao que Solla e Cannas contestaron reafirmando esa idea. O chef de Casa Solla chegou a afirmar que "eu teño a sensación de que a receita do cocido, e o propio proceso do cocido, e tan diverso que só cun cocido se podería facer toda unha carta evolucionada porque é algo brutal". Solla insistiu en aproveitar todas as fases da preparación do cocido para elaborar un menú de restaurante, o que aproveitou o alcalde Cuiña para bromear insinuando a apertura dun novo local do prestixioso chef en Lalín.