A feira da Gouxa, no municipio de Dozón, foi o escenario que escolleron para celebrar unha xuntanza dezaséis dos vintedous exalumnos do Instituto Laboral Ramón Mª Aller de Lalín que deixaron o centro en 1968, logo de rematar os cinco anos de Bacharelato. Houbo xantar, tempo para lembrar aqueles anos mozos e para programar os actos para celebrar o vindeiro ano coa solemnidade que merece a ocasión, o 50º aniversario da súa graduación.

Daquela promoción de alumnos que agora gozan xa da xubilación, os máis deles adicáronse á docencia, algúns á función pública en diversas administracións, á empresa privada e tan só un ao sector agrario, malia que o instituto lalinense era de modalidade agrícola gandeira, coa pretensión de mellorar a formación do noso medio rural. Pero daquela os alumnos buscaban fuxir da labranza e do rural e atopar outras perspectivas laboráis noutros eidos da economía, noutros escenarios urbáns.

Aínda que a maioría procedían do municipio de Lalín, tamén había ampla representación de Silleda e Rodeiro e en menor medida de Agolada e Dozón. Ao rematar no Instituto Laboral moitos tiveron que continuar estudos fóra de Lalín para posteriormente procurar saídas profesionais fóra da comarca, aínda que ninguén tivo que coller o camiño da emigración. No primeiro curso de 1963 comezaran 76 pero ao longo cinco cursos foron minguando deica rematar tan só vintedous. Algúns son ben coñecidos na comarca de Deza, onde teñen a súa residencia ou por decorrer aquí o seu labor profesional: Eladio Cuíña, Xosé María Facal, Ángel Fernández, Daniel González Alén, Luís González, Tino López Prieto, Xesús Palmou, Jorge Taboada, Eladio Trabazo, Xosé Antonio Penido Verde, Benedicto Fernández Failde, Xosé Villamayor Louzao, Xosé Vázquez Moreiras, Ramón Calveiro Louzao, Antonio Mámoa, Xosé González Palmou, Justino Varela, Antonio López Vila, Xesús Villanueva, Antonio Riádigos, Xosé González Carrón e Xosé Luis Valdés.

Homenaxe aos finados

O grupo vén celebrando xuntanzas anualmente, a última o pasado verán en Cambados, con semellante asistencia de exalumnos chegados dende diferentes puntos de España onde residen na actualiadde. A próxima, para celebrar cumpridamente o 50º aniversario da graduación, será en Lalín, para a que xa andan organizando diversos actos e agardan poder xuntarse todos os protagonistas de "aqueles marabillosos anos" e mesmo render homenaxe aos tres compañeiros que por desgracia faleceron en tempos recentes.