Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pegadas de Monforte en Trasdeza

Medio cento de peregrinos da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra cobren a etapa da ruta xacobea que transcorre por Silleda con paradas en Taboada e Carboeiro

Os camiñantes, logo de xantar, diante do restaurante Porta do Sol. // Daniel González Alén

Medio cento de peregrinos pertencentes á Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra percorreron a etapa da ruta a Compostela que transcorre polo municipio de Silleda. A andaina comezou na parroquia de Prado (Lalín) para continuar, preto do Pazo de Liñares, cara a antiga Ponte Taboada, no lindeiro dos concellos de Lalín e Silleda. Xa en terras de Trasdeza, na igrexa románica de Taboada puideron contemplar o interior por xentileza do párroco Luís Galego, xa que o convenio que mantén aberta esta igrexa aos peregrinos rematou a mediados do presente mes de outubro. Aquí Xulio Lameiro, que leva oito anos facendo de guía deste fermoso templo románico, referiu aos presentes numerosos datos histórico-artísticos deste espléndido conxunto.

Logo de deixar atrás as carballeiras e o Pazo de Trasfontao, a pontella e muíños do regato da Gouxa, atravesaron a vila de Silleda. Pasaron pola calzada medieval do Foxo, que agarda as obras de restauración que lle devolvan o antigo esplendor, e baixaron polas carballeiras de Margaride ollando ao lonxe o amplo val do Toxa que presiden os cumios do Chamor e o San Sebastián da Rocha. Pola ponte medieval de Chapa chegaron ás terras da Bandeira cando xa se recollían os postos da feira do 29 que tivera notable asistencia.

Despois dun xantar na Porta de Sol de Lamela, os peregrinos deixaron o Camiño para achegarse ao mosteiro de Carboeiro, onde o cronista dezao Daniel González Alén fixo de guía, resumindo os máis de mil anos de historia do cenobio de monxes beneditinos e os aspectos artísticos deste monumento románico-oxival, rematando a visita ao solpor co retorno en autobús ás terras de Lemos.

Compartir el artículo

stats