A Asociación Álvaro das Casas concedeu un dos premios Bacelo de Prata na súa undécima edición, a Sociedade Cooperativa Galega Hoxe, entre outros motivos, pola súa aposta, desde hai máis de vinte anos, pola inclusión do patrimonio lingüístico galego na etiquetaxe de todas as súas marcas (Hoxe, Neno, Deza, Nai, A Queixeira), así como na publicidade en todos os soportes. A entrega dos premios será o próximo 18 de novembro en Esposende,Ribadavia, no Pazo dos Ulloa.

O xurado, que emitiu o seu fallou o pasado día 20, estivo composto por Cloidio González Pérez, vicepresidene da Asociación Álvaro das Casas; Xosé Carballido Presas, técnico facultativo da Consellería de Medio Rural; Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador; Celso Domínguez, colleiteiro; Francisco Novoa Rodríguez, empresario; e Cándido Vázquez Mosquera, hosteleiro, resaltou que a queixería ten moi asumida a filosofía da responsabilidade social corporativa, apoiando economicamente iniciativas de diversa índole como actividades deportivas ou publicacións escritas en galego. Tamén valorou moi positivamente a permanencia do compromiso coa lingua nun espazo fundamental para acentuar a orixe dos productos.

O xerente de Hoxe, Lito Andión, agradece á asociación o premio, e moi especialmente aos consumidores: "O consumidor identifica os produtos galegos como produtos de calidade, vinculados á nosa contorna natural e que xeran con iso unha economía socialmente sustentable. É consciente de que está a comprar un produto de proximidade e a axudar á economía galega".