Coa participación de máis dun cento de camiñantes, na mañá de onte, procedeuse á inauguración da ruta de sendeirismo do Castro de Doade, promovida polo Museo Etnográfico Casa do Patrón.Contou coa presenza do tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González Casares; José Luís Rodríguez Jácome, de Roteiros de Lalín; o técnico de sendeirismo director do proxecto, Xesús Borragueros; e persoal directivo da entidade promotora.
Trátase dunha ruta circular duns 14,1 quilómetros de lonxitude e unha duración estimada de tres horas e media, posúe tres derivacións que a unen co Castro de Doade, coa Ruta da Prata ou Camiño Meridional de Santiago e co carballo monumental de Soutolongo, tendo o seu punto de inicio e de fin no Museo Casa do Patrón, por estar dotado da infraestrutura axeitada: amplo aparcadoiro de coches, servizos de cafetería, restaurante, baños, sala de vídeo, exposicións, etc., "necesarios e suficientes para cubrir as necesidades dos camiñantes", manifesta o seu presidente, Manuel Blanco.
Esta ruta está rexistrada pola Federación Galega de Montañismo co número PR-G210, sendo a segunda ruta homologada do municipio e transcorre por terreos de cinco parroquias diferentes: Doade, Vilanova, A Xesta, Lodeiro e Soutolongo. Conta con numerosos puntos de interese ao seu paso, como son a propia Casa do Patrón, o Castro de Doade, a cotorna natural biosaudable de Entre Ríos, o Muíño de Froiz, o carballo monumental de Soutolongo, as casas de Piñón de Carracedo, do ferreiro de Vilanova, a área recreativa de Mouriscade, as igrexias e cruceiros de Doade e Vilanova ou as aldeas de Santomé e Codeseda.
Os traballos previos abarcaron o proxecto do sendeiro, a marcaxe nos dous sensos da ruta, deseño, montaxe e colocación de panel de inicio-fin da ruta -en madeira con vinilo incorporado-, colocación de postes con frechas indicando os elementos patrimoniais de relevo, distancias, dirección e as estaquillas precisas para marcar continuidades, cambios de dirección, camiños errados, sinais de polipropileno con cravos de aluminio para as árbores, deseño e maquetación de folletos informativos regulamentarios para a súa divulgación.
"O traballo prioritario do museo é abrir camiños, tanto os numerosos camiños da cultura xa abertos en desenvolvidos na cotorna, como camiños físicos en plena natureza, como resulta esta ruta, que esperamos se converta nun atractivo turístico e cultural máis da zona para atraer o maoir número posible de visitantes á nosa comarca", explican desde A Casa do Patrón. Tanto os bens arqueolóxicos, como o Castro de Doade, ou as rutas de sendeirismo, aínda que sexan promovidos e mantidos por unha entidade privada, como é o caso, son de natureza pública, para uso e disfrute gratuíto de todos os veciños e visitantes.
A Casa do Patrón quere agradecer "a gran participación rexistrada", tanto da xente das parroquias polas que pasa o sendeiro, especialmente de Vilanova, como de Lalín e de toda Galicia. Mención aparte merece Roteiros de Lalín, tanto polos traballos previos realizados en tramos desta ruta que foron aproveitados, como polo seu apoio incondicional a esta iniciativa, que se suma ás existentes no concello. "Solicitamos cara a futuro o uso masivo deste importante recurso natural, cultural e turístico que tanto nos costou poñer en marcha", rematan desde o museo.