Nos anos 30, comezaba a funcionar na Bandeira unha escola laica nun inmoble de estilo indiano que pagaran os veciños emigrados á Arxentina. Esas aulas permitiron alfabetizar a centos de alumnos nunha etapa na que non era tan doado o acceso á educación. Case medio século despois, a finais da década dos 70, un proxecto piloto do Ministerio de Cultura e a vontade dunha ducia de persoas (entre elas, o expárroco José Espiño Mato, Consuelo Penoucos ou Antonio Quinteiro) permitiu o arranxo do antigo inmoble e, o 5 de xullo de 1982, o nacemento da Asociación Cultural Vista Alegre. O colectivo, que tería como primeiro presidente ao falecido Juan Salgueiro, nacía coa meta de dinamizar a vila, difundir películas, visitar museos e patrocinar agrupacións musicais, folclóricas ou teatrais. Por iso, no seo desta entidade xermolaron Xirandola, Fortín da Pomba, a Banda de Música, Amigos da Empanada ou a Asociación do Entroido da Bandeira.

A asociación, como apuntou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "xa non é un neno, pero tampouco un ancián", senón un adulto que conta con máis de 500 socios e cunhas instalacións que xa poden lucir a ampliación que financiaron o Concello e a citada consellería. Deses 35 anos gárdanse máis de 17.000 fotografías de cursos, semanas gastronómicas e culturais, exposicións, certames, presentacións de libros... Unha pequena escolma destas instantáneas puido verse durante o evento que conduciu Javier Blanco (socio de honra desde 2014 e membro de Xirandola). Houbo, tamén, momentos para lembrar a antigos presidentes -dúas delas, Chelo Penoucos e Loli Mejuto, recibiron senllos ramos de flores de agasallo-, e repasar a función social que tén a asociación.

Blanco tomou as palabras do xefe territorial de Meido Rural, Antonio Crespo (presente na celebración) para dicir que había unha especie de nexo invisible entre A Estrada, A Bandeira, Cercio, Piloño e Gres, xa que estas cinco localidades comparten, a través dos seus colectivos, un interese de vello pola difusión da música, a literatura e a expresión artística. E, como a arte non podía faltar na xornada de onte, a partir de agora "e nun lugar sinalado", como afirmou a presidena Dolores Sangiao, o inmoble lucirá un cadro da fachada, recreado por Teresa Bascuas, alumna da antiga escola, "onde me educaron coma unha filla, non coma unha alumna" mestres como dona Benigna, dona Catusa ou don Andrés.

Bascuas, por certo, foi tamén unha veciña da Bandeira que tivo que emigrar, coma os que pagaron a construcción da escola e os que, cada verán, veñen pasar uns días á casa dos seus antergos. Está claro que a vila mantén outro nexo forte, neste caso cos que residen ao outro lado do Atlántico. Por iso onte estaba máis que xustificada a presenza do presidente da Unión de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, José Luis Sangiao, quen felicitou á directiva e a a animou a seguir coa súa actividade "que tanto nos identifica cuando salimos por el mundo".

Precisamente o alcalde, Manuel Cuiña, tamén acaba de chegar dun periplo por Arxentina, co motivo do 150 aniversario do Centro Lalín Agolada Silleda. Alá tivo a ocasión de comprobar, como indicou durante a súa intervención, "de cómo dende alá transmiten un sentimento moi intenso de cariño a Galicia". Cuiña tamén estudou de neno nestas aulas, e é socio de Vista Alegre desde fai tempo. Confía en ver cómo cumpre outros 35 anos máis, "xa non estarei como alcalde, per seguro que como veciño e socio sí". Cuiña, igual que todos os presentes, tamén tén a esperanza de que a asociación consiga para A Bandeira a distinción de "Vila Cultural". Un cartelón, colocado á entrada do centro cultural, estaba a disposición dos presentes que quixeran sacarse unha foto. O conselleiro Román Rodríguez non adiantou se esta distinción se conseguirá axiña, pero o que tén claro é que, á vista dos numerosos nenos e xente moza presentes no evento, si haberá "longa vida" para Vista Alegre, como el mesmo lle desexou ao colectivo, así como para a cultura e para Galicia. O evento rematou coa interpretación do Himno Galego, acompañado por Manuel Fernández, o primeiro gaiteiro de Xirandola. Tralos actos oficiais, os presentes disfrutaron dunha comida no pabellón polideportivo, que se prolongou ata a tardiña nun evento "que é un gran máis de area nunha gran montaña", en palabras de Blanco.