Uns corenta veciños de Silleda, algúns deles descendentes dos represaliados polo franquismo durante a Guerra do 36, visitaron o pasado fin de semana a illa de San Simón, no concello de Redondela, que naqueles anos negros da nosa historia se converteu en campo de concentración ao que foron parar vinteoito silledenses e case un cento de dezaos acusados de pertencer ou simpatizar co bando republicano. A visita foi organizada pola Asociación de Mulleres Rurais "Arumus" de Siador e principiou polas terras do Morrazo con parada en Cabo do Home e Hío na xornada de mañá.
Logo de xantar, o grupo embarcou en Cangas e despois de percorrer a fermosa ría de Vigo, xa na illa, o profesor e concelleiro de Silleda Matías Rodríguez da Torre fixo de guía ofrecendo unha pormenorizada referencia histórica deste enclave, que foi antigo mosteiro que cantaron os trobadores medievais, testemuña da batalla de Rande, leprosería e lazareto no século XIX e campo de concentración para os presos políticos durante a contenda do 36.
Durante o percorrido polas edificacións e xardíns da illa houbo momentos de emoción e mesmo bágoas ao lembrar algún dos presentes aos seus familiares que hai agora noventa anos estiveron recluídos aquí. Algúns destes represalidos saíron da illa para seren asasinados, coma o entón alcalde Emilio Alonso Paz -do que a súa neta María Xosé participou nesta visita-, Manuel Noya ou Miguel Nicolás. Outros pasarían á cadea de Pamplona, caso do tenente de alcalde Silleda Daniel Sánchez Mallo -do que a súa filla Argimira Cachita prepara unha biografía- ou Xoán Fontao, tío de María del Carmen Sánchez Fontao, presidenta da asociación que programaba a visita. Os que tiveron máis sorte foron ceibados logo de pasar mil calamidades naquel campo de concentración que en tempos fora mosteiro e lazareto como recolle Eduardo Mosquera no seu libro autobiográfico Catro anos a bordo dunha illa.
De volta desta emotiva e evocadora visita, os participantes embarcaron cara a Cangas, pasando baixo a ponte de Rande en obras, contemplando as paisaxes da ría de Vigo sen sospeitar que intres despois o lume incendiario deixaría nelas a súa pegada, e puideron ollar un solpor coas illas Cíes no horizonte.