Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ugia Pedreira: "Eu a Lalín téñolle devoción porque fun moi feliz alí"

"Nestes tempos calquera arte poderíanos facer mellor individual e colectivamente"

Ugía Pedreira nun ensaio do Coro da Mariña que dirixe xunto a súa parella Pierrot Rougier. // Juan Luis Rúa

O Festival de Outono da Coral Polifónica de Lalín chega hoxe no Salón Teatro a súa teceira xornada. No programa aparecen varias charlas coloquio sobre a situación da música coral en Galicia. Unha das ponentes é a cantante Ugia Pedreira, a fundadora do Conservatorio de Música Tradicional de Lalín, que ás 13.00 horas falará sobre o coro como elemento de integración social xunto a Su Garrido.

-Compaxina a súa maternidade coa vocación musical. É doado ou non?

-Estou a cuidar da miña nena, e a música ten agora outra definición na miña vida. Ao longo da miña traxectoria musical andei en moitos círculos, andei en moitas cousas. Pero o que agora necesito é volver a encherme e necesito facelo dunha maneira saudable.

-En que vai consistir a charla coloquio do Festival de Outono?

-A miña parte digamos que vai ser a presentación dun contido de vida. Eu e o meu compañeiro, Pierrot Rougier, que é músico e compositor bretón, constituimos un grupo, unha colectividade de xente que ten forma de coro, aquí na Mariña e no Occidente asturiano, e xa somos casi 40 persoas. Dirixindo O Coro da Mariña, e ser a guía deste grupo de xente que abrangue entre os 40 e os 80 anos, pois a min tamén levoume a moitas conclusións que casi que son o resumo da miña vida no ensino, na xestión cultural, na política musical e dame a impresión de que toda a suma de todos estos anos pois viñeron a cultivar e a nutrir estes ensaios e a guía deste exército de voces. Puxémoslle O Coro da Mariña porque hai xente dende Asturias ata Viveiro.

-Semella unha gran familia musical e coral, non si?

-Nós somos unha nova proposta de comunidade a través da música. No grupo, ademáis de cantar e de pasalo moi ben, que é o superficial, hai outras moitas cousas. Creando unha comunidade como esta pos en marcha unha vía de contactos, de axuda, e de comunicación de conceptos e valores. Eu tiven que aprender a vivir día a día e a coller as cousas como veñen, vivas na situación que vivas.

-Nos tempos que corren, cal é o papel que ten que xogar a música?

-Cos tempos que corren, non só a música, calquera arte creo que nos podería facer mellor a todos individual e colectivamente. O noso coro promove cursos de formación con expertos profesionais do canto coral, como son a directora de teatro-voz Cristina Domínguez, que foi directora do Centro Dramático Galego, o recoñecido director coral Ramón Bermejo, que estivo no Coro da Rá e o Coro Compostela, a bailarina Irene Álvarez e as poetas Marina Oural e Chefa Alonso dando cursos de improvisación e temos pensado seguir coa liña formativa que abrimos a toda a comunidade coral da Mariña lucense e o Occidente asturiano.

-Que lle parece o Festival de Outono da Coral Polifónica de Lalín?

-Eu son moi nova en todo isto dos coros. Entón, que o festival exista e que se poidan facer reflexións e conversacións sobre o tema xa me parece unha bendición. E que veña de Lalín e máis bendición todavía porque eu teño un auténtico amor por Lalín porque fun moi feliz alí. En Lalín aprendín moitas cousas porque estaba nunha etapa da vida de crecemento donde me axudou moito. Eu ao pobo de Lalín téñolle auténtica devoción. Hai moitos anos que non vou, e volver é moi emocionante. Eu me sinto súper, súper satisfeita dos anos vividos en Lalín, no Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Emociónome só de pensalo. Foi unha explosión de boa música, de improvisación de moitas cousas.Foron oito anos espectaculares, certamente.

Compartir el artículo

stats