Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Varela: "Manolo do atlético" "Son un tipo de ideas fixas; o Atlético, a Estrella Galicia e Berres, por suposto"

O estradense leva seis anos levando o seu humor por toda Galicia, con varios premios en concursos de monólogos como reforzo

Manolo do Atlético, na Taberna Navegación da Estrada. // Bernabé

Fai moitos anos que Manolo do Atlético se viu obrigado a subir a un escenario. O día que un amigo o apuntou a un concurso de monólogos arrancou unha nova paixón para un home que agora desfruta do contacto coa xente. Fai uns días actuaba no Teleclube da comedia. Hoxe, a partir das 22.30 horas no Café Central, unha ocasión como outra calquera para coñecer un pouco máis deste sufridor do Atlético.

-Como empezou no mundo do humor?

-Empecei un pouco á forza. No 2010 houbo unha festa do conexo na Anllada e obrigáronme a ir a un concurso de monólogos que había. Eu xa facía tempo que apuntaba as miñas barrenadas pero nunca actuara. Foi moi bonito porque gañei o primeiro premio a pesar de que estaba asustadísimo. Pode parecer que son un pouco botado para adiante pero no fondo son moi cortado. Paseino mal pero foi algo que me dou forzas. A partir de aí decateime de que había un circuíto en Santiago que se chamaba "No solo monólogos" para xente aficionada. Actuabas en varios locais durante meses. A min doume moita vida porque terminei gañando o premio ao mellor monológuista a pesar de que había xente que xa levaba tempo nisto e era coñecida.

-Sería un pulo importante.

-Si, eu creo que neste mundo non hai un mellor e outro peor. O importante é se a xente o pasou ben. Eu penso que nese caso valoraron o meu sistema. Eu ía a monte co meu monólogo e fíxenme bastante ben a pesar do nervioso que estaba. Eses monólogos axudáronme a afacerme ao público e ás tabernas. A partir de aí comecei a probar noutros concurso e gañei varios premios máis. Esas cousas vanche dando forza porque ves que xente descoñecida te valora.

-Será sen embargo complicado facerse un oco neste mundo.

-Si, aínda que eu tampouco me adico a isto de maneira profesional. Eu teño o meu choio. Se me chaman dalgún sitio vou pero cando levo un tempo sen actuar xa o voto de menos. Cando levas varias actuación seguidas todo vai rodado, aínda que todavía me sigo poñendo un pouco nervioso antes de actuar. Logo hai sitios onde a xente te fai sentir cómodo e noutros nos que non. Cando a xente engancha co monólogos é moi bonito. A taberna sen embargo non é nada fácil, sobre todo se é grande. Hai xente que está alí véndote pero outra está alí para tomar algo e ao mellor incluso lles molestas. Hai monologuistas que mandan calar á xente. Eu non dou. Aguanto ata o final.

-Verase tamén obrigado a ir cambiando de repertorio.

-Si, teño tres monólogos de case hora e media cada un. O primeiro, "Vouvos meter un viaxe", foi o que me dou as maiores satisfaccións nos concursos. É a viaxe de avión na que me trouxo a miña nai desde Alemania cun piloto cego.Non me considero un monologuista, senón unha especie de contacontos ou de entretenedor. Con ese punto de partida eu métolle chistes, historias da aldea, xogos de palabras... É unha mestura de cousas. O segundo naceu dunhas vodas de prata ás que me invitaron un amigos e comecei a facer un monólogo para a ocasión. Vai sobre parellas. Ao final ese día non vin o momento e non o dixen. A partir de aí amplieino e creei "El aparejador". Dou un pouco de clases sobre as parellas partindo da miña, aínda que ao final son todas iguais. Despois, o outro día estreei un terceiro, "Chamádeme trosmo". Trosmo é unha expresión que utilizo moito, porque a miña aboa chamábamo moitas veces. Aí xunto un cúmulo de cousas diferentes.

-Cantas actuacións pode facer ao longo dun ano?

-Nunca as contei así. Creo que en total levo 110 actuacións desde 2011 que empecei, e sen contar o circuíto de Santiago. Eu non teño representante nin nada diso. Se me chaman vou e senón quedo na casa.

-Contan tamén co Teleclube da Comedia, un bo escaparate para os humoristas da Estrada.

-É moi bonito. Gústame moito porque me encanta a aldea. Comparto ademais escenario co Mago Toño que é moi bo e pode actuar para xente de cero a 99 anos. Tentamos compaxinarnos un co outro e interactuar co público. El faino máis cos rapaces e eu coa xente máis maior. Son actuacións moi familiares e participativas.

-O do seu nome supoño que non terá secretos, o do Atlético será porque é colchonero.

-Si, aínda que non é un tema que teña moito que ver co fútbol. Sempre fun do Atlético e sempre me chamaron Manolo do Atlético. Daquela era máis difícil ser do Atlético ou era máis difícil dicilo. Eu sempre andaba coa miña camiseta. Cando me chamaron do primeiro concurso de monólogos e me preguntaron o nome co que quería actuar díxenlle ese. Creo que ven un pouco polo tema do carácter. Eu sempre fun un pouco sufridor, unha característica que vai ben cos colchoneros. En todos os monólogos que fago sempre lle adico un oco a falar dese carácter dos atléticos.

-Débeo patrocinar Estrella Galicia, porque sempre sae nas fotos con unha na man.

-Estou rabiando para que un día me chamen e me dean algo, polo menos unha caixa gratis, pero non hai maneira. Nunca chaman. Tamén é outro tema ao que lle dedico un espazo nun dos monólogos. Son un tipo de ideas fixas; o Atlético, a Estrella Galicia e Berres, por suposto. Todo o que che pasa no día a día poder servirche para meter un monólogo.

Compartir el artículo

stats