O ano que vén, a Fundación Xosé Neira Vilas festexará as súas vodas de prata, ainda que a historia da que pasa por ser unha das entidades culturais máis dinamizadoras de Vila de Cruces remóntase uns anos atrás. En concreto, ao 9 de outubro de 1982. Daquelas, Xosé Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, ainda vivían en Cuba (facíano dende o ano 61), pero Manuel Reimóndez Portela, neste lado do Atlántico, organizou un acto que sería, literalmente, a primeira pedra de dita fundación. Escritores, veciños e amigos do matrimonio concentráronse en Gres, fronte á Casa do Romano, para descubrir un monolito no que se grabara a lenda "Nesta casa naceu Xosé Neira Vilas. 3 novembro 1928" e o escudo de Galicia. Isaac Díaz Pardo encargouse de ler o manifesto.

Dez anos despois, en 1992, Neira Vilas e Miranda volvían para Cruces, e decidiron donar a Casa do Romano á Xunta, quen puxo en marcha a Fundación e lle encargou a rehabilitación da vivenda, en ruinas, a César Portela. É curioso, porque a Casa do Romano estivo destinada, dende a súa construcción a finais do século XVII, a dar acubillo: serviu de albergue de peregrinos durante os dous séculos seguintes, e a finais do XIX residiu nela un italiano que fuxira do seu país, e e aí o nome de Casa do Romano. Cambiou dúas veces de dono, ata que a mercaron os avós de Neira Vilas en 1925, pero despois a familia trasladaríase a outra vivenda, de modo que esta casa se destinou a fogar temporal de persoas sen recursos. Con Neira Vilas e Anisia Miranda, volveu ser un refuxio, si, pero para nenos e maiores ávidos dun espazo no que ler. E na Casa do Romano hai volumes dabondo: 8.000 libros, moitos deles obras orixinais das dos que a Fundación non se vai desprender aínda que nun futuro se constrúa, no casco urbano de Vila de Cruces, o Centro de Interpretación de Balbino.