Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Economía (moderna) de subsistencia

A colaboración dos veciños en tarefas agrarias como a recollida de patacas en fincas particulares non esmorece

O remate do tempo quente propio do verán é aínda para moitos vecinos o aviso de que chega o tempo de arrancar as patacas das leiras familiares. Esta tarefa, talvez, persiste no tempo porque tamén persevera o costume de comer produtos da casa en vez de alimentos mercados en mercados ou grandes superficies. Aínda que se cadra o que máis pesa é non renunciar a prácticas propias da chamada economía de subsistencia, que á súa vez non esmorecen e aguantan case como identidades da etnografía autóctona e a bisbarra dezá non é unha excepción.

Nestas tarefas de campo a cooperación entre os veciños era e tamén agora o é unha cuestión fundamental e, aínda que cos cambios propios do paso do tempo, así ocorre en moitos casos como o de dúas familias lalinenses que onte arrancaron as patacas nunha finca de lugar de O Lodeirón, da parroquia lalinense de Vilatuxe. Ata 38 persoas traballaron coas mans na terra para recoller catro remolques de patacas. En catro horas cargáronse outros tantos remolques deste tubérculo para consumo propio e sen desmerecer o esforzo de todos, o traballo foi más levadeiro porque o arado romano tirado por bois ou vacas neste caso foi asumido por ata seis tractores. As patacas, que se sementaron nunha finca de media hectárea "que ten bastante humidade e por iso non tivemos que adiantar a recollida", son para as casas Do Seixo (Soutolongo) e a dos seus parentes da Casa de Eligio de Castro de Arriba, en Vilatuxe. Veciños desta contorna foron os que lle botaron unha man nos traballos que comezaron ás dez da mañá e ao mediodía ya estaban listos. "A recollida foi moito mellor que outros anos e xa levamos seis nesta finca". As patacas, da variedade Kenebec, amosaban un moi bo aspecto e agora quedarán para o consumo das dúas casas.

Compartir el artículo

stats