Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armando Requeixo Cuba: "A historia dun país e da cultura é o camiño dun pobo"

"O meu papel dentro da cultura galega é ser un mediador que achegue o mundo da literatura ao máximo número de lectores"

Armando Requeixo Cuba, gañador do Reimóndez Portela.

Armando Requeixo Cuba recibirá o 22 de setembro o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela por unha serie de cinco artigos publicados na sección "Faro da Cultura", deste mesmo xornal. Ocorrerá na 31ª Feira do Moble de Galicia.

-Que parte do seu tempo lle dedica a cada parte do seu traballo?

-O meu espazo profesional natural é tripartito. Por un lado son docente, de formación e de vocación, aínda que agora non o aplico. Tamén desde sempre me gustou o mundo da investigación literaria, que é o que estou exercendo actualmente no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. E por último o mundo da crítica literaria, que é o que me vincula ao xornalismo cultural. Por iso aparecen traballos meus en suplementos culturais como pode ser o do Faro de Vigo, co que colaboro desde hai 20 anos.

-En que se inspirou para os seus artigos gañadores?

-Para o caso dos artigos que foron premiados no certame, que foi unha batería de cinco traballos que se publicaron no Faro da Cultura, todos eles converxen nun enfoque da actividade literaria cunha serie que a min me gusta chamar literatura insólita. É dicir, trátase de a partir dunha noticia da actualidade, sexa cal sexa, conseguir unha visión literaria dese feito.

-Como recibiu o comunicado de que gañara o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela?

-Foi unha gran alegría para min a noticia deste premio por varios motivos. É unha honra poder levar un premio que leva o ese nome, pois é unha figura que respecto e admiro. El foi un narrador, un filántropo moi admirado e coñecido en toda a terra do Ulla e Deza. Logo a propia terra da Estrada tamén me une de maneira especial por todo o que supón esa zona e a súa riqueza cultural, ademais de polos vínculos amigables e de traballo profesional que teño alí. Entón, precisamente que sexa esa terra que tan ben quero pois éncheme de gozo. Dáse a circunstacia de que os membros do xurado son persoas ás que admiro polo seu traballo a prol da lingua e da cultura de Galicia, entón é maior a honra. Tamén debo engadir que o feito de que este ano houbese 53 textos, reflectindo unha xornada moi exitosa na convocatoria é algo para ter máis ledicia. Por último, engadir que me satisface que se me premiase especialmente cunha batería de artigos publicados no Faro de Vigo, que é a miña casa desde hai moitos anos. "Rosalía voa alto", "Palabras do Alén", "Lingua Zombi", "Cando iso non pode pasar aquí" e "De rosas e letras"-as publicacións premiadas no concurso- son algúns dos centos de artigos que publiquei desde o meu comezo. Actualmente aporto a miña colaboración cada quince días, por falta de tempo.

-Ao ler as súas publicacións véñense á mente tres palabras: lingua, literatura e historia. Concorda vostede con isto?

-Efectivamente. A historia dun país e da súa cultura é o camiño de todo un pobo. A súa lingua é o sinal máximo de identidade, xa o dicía Castelao "Se aínda somos galegos e galegas é por obra e graza do idioma", e efectivamente. É a nosa bandeira, o que nos fai tribo e pobo no mundo. O meu ámbito de traballo fundamentental é a investigación e análise de textos literarios de todo o tempo pero sobretodo do século XX e da actualidade literaria. Vou dando consello ao meu parecer para os lectores do que vai saír no mercado. Sigo radicado nese trío que ti dis, da historia que imos facendo día a día e da que herdamos, que é a que dá sentido tamén ao momento presente e ao idioma que o sostén, e logo, a súa plasmación ou formulación na escrita.

-Que obxectivos persoais se marca de cara ao futuro?

-Conformaríame con poder continuar no camiño no que estou a andar, é dicir, traballando a prol da cultura, da lingua de Galicia e da súa literatura. Creo que o meu papel dentro do circuíto cultural galego é o de ser un mediador que achegue o mundo da literatura ao máximo número de lectores posibles. Respecto á vertente de investigador pois seguir pescudando e ofrecendo o mellor coñecemento dos nosos clásicos, tanto de época como actuais.

Compartir el artículo

stats