José Janeiro Balboa, veciño de Beariz, en 2010 no seu blog falaba dos cotos mineiros de Beariz e engadía que tiña que haber un xacemento de ouro cerca do monte Marcofán, como "lo evidencia el cofre de lleno de oro encontrado por una vecina de Muradás".
En efecto, o nome de Marcofán parece falar dun lugar especial, xa que en latín Fan(um) significa lugar sagrado. E se ben ignoro de que tesouro se fala neste blog, no verán de 1585, máis concretamente o 24 de xullo dese ano, dous nenos chamados Pedro Muradás e Pedro Gaiteiro atoparon no monte de Marcofán un caldeiro portando o que parecía un tesouro, xa que había pezas da "cor das flores de toxo".
Pedro Muradás era fillo doutro de igual nome e neto de Juan de Muradás e de Catalina de Muradás, polo que queda claro de que aldea eran veciños, mentres que Pedro Gaiteiro era fillo dun criado de dito Juan de Muradás. Os nenos achegáronse á casa e déronlle o que atoparon á súa avoa Catalina e esta a seu fillo Gonzalo, que era o cura de Beariz e comisario do Santo Oficio.
Habías pezas de pouco tamaño e de cor negra, branca e amarela, polo que sospeitaban que algunhas podían ser de prata e ouro. As pezas case todas eran pequenas como de 5-10 centímetros, aínda que os veciños xa falaban de candelabros, cadeas e aneis de ouro. Deseguida a cousa transcendeu e o meiriño de Montes don Bartolomé Sánchez e o seu alguacil Francisco Cabello denunciaron o descubrimento pois dicían que o tesouro valía máis de 7.000 ducados e non o notificaran.
Levaron o asunto ante os tribunais da Real Aidiencia de A Coruña que convocou a un prateiro, fundador da casa da moeda en A Coruña, chamado Sebastián Xerez. Este examinou as pezas e declarou que moitas das pezas non tiñan valor pois eran de estaño, de bronce ou de azófar (unha fundición de cinc e bronce), pero había algunhas de ouro, seis pezas de ouro baixo e dezaseis do mellor ouro. Entre estas hai que resaltar unha peza "retorta", que parecía a asa dun caldeiro, e outra pequeniña con forma de caracol e no medio unha banda.
Desde logo non sabemos que foi deste tesouro, pero a descrición dunha destas dúas últimas pezas, semellante á unha "asa retorta" de caldeiro, suxire que se trata dun torque de ouro, e a outra peza con debuxo a algo que semellaba un caracol, remítenos a unha peza castrexa. Podemos estar equivocados, pero o estudo dun arqueólogo no monte Marcofán seguramente non sería en balde.