Fai 39 anos que Enrique Creo voltaba á Bandeira, o seu pobo natal, tras pasar varios anos traballando emigrado en Francia. Alí aprendeu como xogar á petanca, un deporte basado en lanzar unhas bolas metálicas o máis cerca posible doutra esfera de madeira, e decidiu fundar o Club da Petanca Bandeira, no que xa non compite por unha lesión nunha man. O equipo é un dos poucos federados en Galicia, conta con 25 fichas e comezará a liga en xaneiro, recibindo a un equipo vigués nas instalacións con catro campos que teñen na localidade.

-Como xurde a idea de crear un club de petanca na Bandeira?

-Cando volvemos de Francia, alá polo 78, vimos anunciado un campeonato de petanca na Coruña. Un compañeiro meu díxome "imos á Coruña a ver de que vai isto?", e fomos para ver como se xogaba á petanca aquí. Cando chegamos alí preguntámoslle a un que estaba xogando qué debíamos facer para montar un club e presentounos ó presidente da federación, que xusto estaba naquel partido. Explicounos qué debíamos facer e logo díxonos "e vostedes saben como se xoga a isto?", e invitóunos a xogar unha partida. Pouco máis tarde preguntoume cantos máis formaban parte do grupo e eu díxenlle que dous máis, de seguido dixo "pois espero que non xoguen coma ti!".

-Onde aprenderon a xogar á petanca?

-Pois nós aprendemos cando nos fumos vivir a Francia, onde estivemos xogando en varias cidades. Os franceses xogan bastante á petanca, é unha actividade que lles gusta moito.

-Está funcionando ben o club?

-A verdade é que sí. Agora debe haber uns sete ou oito equipos. Xogamos a liga galega, imos a Vigo, onde están a maioría de inscritos e eles veñen aquí tamén... Xogamos catro partidas por día e son 3 meses de liga. Sempre son os sábados e temos partidas unha vez á semana. Cada xornada van dous equipos, e vanse turnando, aínda que puntuamos todos xuntos como club.

-Ten lembranzas especiais dalgunha partida?

-Cando fundamos o clube no 78, fumos a Sevilla ao campeonato de España, onde quedamos quintos. Tamén fomos campeóns galegos tres anos consecutivos, ese ano Dario, Gómez e eu e os dous seguintes cambiamos a Gómez por González, que viña da Coruña. Tamén recordo unha que fomos a Alicante, no 79, na que lle gañamos aos campións do mundo por 13-11. Tiveron un fallo grande porque eles falaban o francés e nos podíamos entendelos. Cando acabou a partida acerqueime e díxenlle que ademáis de galego falaba francés!

-Qué opina sobre que a petanca xunta xeracións?

-Pois que é verdade, está moi ben e pásase moi ben. Polo menos os rapaces saen do bar para vir xogar. Na Bandeira hai ben de rapaces mozos, o máis xoven ten 23. O máis vello son eu, que teño 77 e xogamos todos mesturados. O meu neto foi presidente do club, e teño un bisobriño que é campión de España, na familia gústanos moito a petanca.

-Como houbo que organizarse para montar o club?

-Ó principio montamos un campo en Lamela e xogábamos alí. Agora temos unha cancha cuberta e todo, é moi cómoda, da gusto xogar alí, ata ten luces e todo. Tódolos días entrenamos e sempre hai moita afición. É o único club deportivo que hai na Bandeira ademáis do fútbol, polo que á xente gústalle vir a velo e pasar o tempo.

-Nunca tiveron rapaces ou mulleres no equipo?

-Rapaces houbo bastantes fai tempo, e xogaban moito e moi ben pero agora xa non lles interesa tanto, dedícanse a outras cousas. E mulleres sí que houbo xogando tamén, e eran moi boas pero agora mesmo non hai ningunha.