Un ano máis, Doade recreou a malla para centos de veciños e achegados interesados nesta tradición. O entorno da Casa do Patrón converteuse nunha exposición de motores dos que algún chegaba a superar o centenario de idade, mandiles antigos, pandereitas e outros artiluxios de épocas anteriores podíanse ver e mercar.

A xornada comezou co traslado dos mollos no carro de vacas, para dar paso a entrada dos traballadores acompañados ao son das gaitas dos Trasnos de Doade. A primeira representación foi a de mallar á pedra, homes e mulleres agarraron os mollos para petar contra unha pedra axudados cun pau, desta maneira desgranábase o centeo e separábase da palla. A seguinte forma que representaron era con males, dous paus, un máis longo chamado mangueira e outro máis curto, o pírtigo, que estaban engachados de tal maneira que multiplicaban a forza de quen golpeaba. Como anécdota, recordouse a aqueles homes que poñían un pote debaixo dos moles para cando petasen soase máis forte e parecese que tiñan máis forza.

Antes de chegar a máquina moderna, empregouse a malladeira que funcionou cun motor dos anos 20. Nesta malladeira o centeo vai pasando de forma que o gran cae xa que pesa máis, mentres que a palla sae por otro lado. Entre cada representación, as mulleres vestidas de época botaban uns cánticos, tal como se facía entón. Antes de dar paso á comida tradicional, os organizadores premiaron ao home e a muller mellor vestidos. Nesta ocasión, os gañadores foron Iván Vázquez do lugar de Taín, Doade e a muller foi Isabel Taboada, do lugar de Codeseda, tamén da parroquia.

A celebración da maioría de idade da malla tradicional finalizou con comida e música, como é habitual nunha cita festiva en Galicia, pero nesta ocasión foi popular. O xantar popular estivo composto de pulpo e carne ó caldeiro, acompañado de viño para refrescar aos traballadores que deixaron os folgos na malla baixo o sol e a calor abafante. Para rematar, a música tradicional non se podía esquecer nesta xornada. Nesta ocasión estiveron presentes as pandereteiras de Zobra, o grupo Xermolo da Carballeira, Carballo da Manteiga, as pandereteiras A Xariza e as de Ferreñas do Monte, as cantarerias Maruxeira, Os Trasnos de Doade e poñendo o broche final o solista Juan Paris.