Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José Crespo: "A miúdo lémbrolle ao ministro tanto a lanzadeira do AVE como a circunvalación"

"O traballo como senador sempre loce máis cando o partido que goberna é doutra cor"

José Crespo,onte, trala entrevista. // Bernabé/Luismy

Días atrás cumpliuse un ano da toma de posesión de José Crespo como senador pola provincia de Pontevedra, aínda que xa houbera outro acto similar en xaneiro. É o primeiro senador da historia oriundo de Lalín, xa que os outros tres que participaron na Cámara Alta proceden de Silleda: José García García (coa UCD entre 1977 e 1982), e os socialistas Pablo García García (entre 2009 e 2011) e Paula Fernández Pena (entre 2013 e 2015).

-¿Cómo valora este primeiro ano en Madrid, despois de tanto tempo centrado na política local?

-É unha experiencia importante e moi productiva para min. O Senado non tén nada que ver coa crenza de que é un balneario, como din os que son contrarios a min politicamente. Tén unha relevancia importante na política nacional, máxime cando o goberno non posúe a maioría absoluta no Congreso de Deputados. A nivel persoal respirei aires novos, levaba toda a miña vida no mundo local e agora podo coñecer cómo funcionan outras administracións. E para nada o Senado é unha especie de retiro político: abonda con pensar que o socialista Pepe Blanco foi senador antes que ministro e secretario xeral do seu partido. É certo que hai persoas que están no final do seu ciclo, como Acebes o Juan José Lucas, pero outros atópanse no inicio do seu percorrido.

-¿Faría falla unha reforma para que a cidadanía o vise coma unha institución máis próxima?

-Manuel Fraga no seu momento propúxoo, e eu estou de acordo. O Senado é unha representación territorial, creo que aquí deberían poder tomarse decisións vinculantes que afectasen ao mundo local, ou sexa, a concellos, deputacións e autonomías. Pero para unha reforma cómpre moita estabilidade política, e dende que comezou a crise estamos nunha guerra política, á que se suma a irrupción de novos partidos.

-Xa que é unha representación territorial, poderíamos pensar na necesaria fusión de municipios, que semella que non coallou.

-Eu creo na fusión de municipios, porque hai concellos sen solvencia política, económica e social. E esta fusión leva inherente, se se consegue esa solvencia, a necesidade de estudar o futuro das deputacións, que se crearon moito antes da dictadura franquista e que capilarizan os fondos do estado cara aos municipios. Ao crearse o estado das autonomías, non se meteu en vereda o papel das deputacións, e de aí que se duplicasen ou triplicasen as competencias. Hai que reformulalas, haxa ou non fusión de concellos, e esta fusión debe promoverse dende un acordo parlamentario nacional, como se fixo en Dinamarca ou Alemania. Sei que isto non o suscribe o meu partido, onde hai opinión para todos os gostos.

-Vostede preside a comisión de Fomento. Precisamente, hai días o goberno estatal afirmou que non se ía transferir a AP-9 porque sería un agravio para outras autónomas. ¿Tén sentido insistir na transferencia da AP-53?

-Son casos distintos, pero non cabe dúbida de que o Estado non quere perder a tituridade de certas vías que son estratéxicas, e isto hai que entendelo. Hai que pensar que o PSOE gobernou en Madrid durante moitos anos, e tampouco a transferiu.

-¿Levouse a cabo no Senado algunha proposta que favoreza a Lalín?

-O meu cargo é institucional, fago un labor similar ao do presidente do Senado, pero nesa comisión. Non teño as mesmas encargas dun voceiro. Pero estou enriba de todos os temas que afectan a Lalín, aínda que non poidan meterse algunhas na comisión como iniciativas. Por boca miña, o ministro sabe da circunvalación de Lalín, que se aprobou na época de Álvarez Cascos e que está en stand-by e que o goberno local actual nin sequera reclamou. Tamén estou pendente de lembrarlle a posibilidade de que aquí houbese unha lanzadeira do AVE para comunicarnos con Ourense ou Santiago, ou dos parques eólicos pendentes na comarca. Falo a miúdo, polo menos unha vez ao mes, das necesidades da comarca, da provincia e de Galicia cos ministros de Agricultura, Enerxía e Fomento.

-Aínda así, o cuatripartito lalinense acordou co PNV que defendese os intereses lalinenses no Senado...

-Que o alcalde de Lalín crea que o PNV poida defender os intereses de Lalín demostra unha falla de cordura. Eu boto en falta un goberno local responsable para poder traballar xuntos nalgunha iniciativa vital. O alcalde actual intenta engañarte ou tomarte por parvo, en cada unha das súas manifestacións abusa da chulería, da prepotencia e sempre con pullas. Isto dificulta traballar xuntos. Aínda que o PNV pregunte, por exemplo, pola AP-53, iso non arregla nada, e se pactara comigo si podería arranxar. Podo dicir que para sentarme con Rafael Cuiña, non me sento só, porque terxiversa e di o que lle parece, demostroume que non é de fiar. Teño que dicir que aínda que estea no Senado e estou moi contento, a miña prioridade segue sendo Lalín, porque non quero que se estrague todo o que se fixo. Teño que engadir que moitos veciños, cando me ven na rúa (aínda que poden dicirche unha cousa e outra ao teu contrario político, iso pode ocurrir), pídenme que non me esqueza de Lalín, porque pensar que ao estar no Senado boto alá ás 24 horas. Pídenme que poña cordura ante a continua desfeita dos espectáculos do goberno de Cuiña. Onte estiven nunha comida en Santiago dos empresarios galegos no exterior,e a impresión que teñen fóra de Lalín e de Galicia é que a vila non mellorou moito co cambio de goberno. Claro que tamén pode ser unha dose de 'regalar a orella'.

-¿Podemos pensar que se vai presentar ás eleccións dentro de dous anos?

-Uf, en política dous anos son unha eternidade. Eu non xogo a futuribles a dous anos vista, porque non sei qué vai pasar. Agora toca preocuparse dos temas de Lalín, como me piden os veciños, e sobre todo preocuparme de que o que nós fixemos non se malgaste, e que non se pare o camiño inicial que nós deixamos. De aí que levemos propostas a pleno.

-¿É máis fácil a axenda como alcalde que a que tén agora como oposición e como senador? ¿En cál delas se atopa mellor?

-Son cousas distintas, pero iso non quere dicir que lle quites tempo. É certo que agora teño menos presión que cando era alcalde, agora podo meditar as cousas, reflexionar, e antes non tiña tempo nin para rebulir. Agora reparto o tempo o millor que podo. Non tés a responsabilidade de traer cousas para o teu concello. Eu, como alcalde, non había semana que non fose tres veces a Santiago e dúas a Pontevedra, porque hai veces que tés que estar coma un martillo pilón, para que as outras administracións vexan que lle dás importancia ás cousas. A min gostaríame saber cántas visitas fai agora o cuatripartito á Xunta e á Deputación, porque eu moitas veces ía á Xunta á mañá e á tarde. Pero, probablemente, nesa obcecación por traer cantidade de cousas para Lalín, infraestructuras e servicios para o pobo, nesas horas de traballo que lle quitei ao sono, ao mellor esquecinme de compensar un pouco a miña presenza na rúa. Estaba totalmente absorto na xestión de Lalín, en conseguir que fose unha vila importante en Galicia. O cuatripartito tén máis tempo para andar pola rúa, pero eu non o tiña. Todo isto non me permitía ter tempo para estar na rúa e escoitar máis aos veciños. Non me dei conta de que ás veces é mellor políticamente tapar un bache que facer unha estrada nova. Eu non souben poñer en valor, non souben explicarlle aos veciños, esa xestión que facía día a día. Non conseguín ese equilibrio. Igual tiña que conseguir moitas menos cousas e intentar conciliar máis cos veciños.

Compartir el artículo

stats