Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Carlos Carracedo Porto: "Un texto debe ter algunha emoción que o identifique como humano"

"Que alguén como Xosé Neira Vilas che diga que tes vocación de escritor é un impulso moi grande para publicar; foi algo brutal"

Xosé Carlos Carracedo (dta.), onte, na presentación da revista na Libraría Couceiro de Compostela.

Somos de Arxerís é a primeira obra publicada por Xosé Carlos Carracedo, tras un longo exercicio de búsqueda de ese algo especial e con calidade para compartir co público. Na súa faceta de escritor, crea xunto ás súas compañeiras Yasmina Casal e Belén Quinteiro a revista cultural Cicloxénese Expresiva. A publicación presentou onte a súa segunda edición en papel, pero comparte tamén contidos en plataforma dixital, e pretende dar cabida tanto a escritores experimentados como a todos aqueles que sempre quixeron compartir os seus escritos pero aínda non encontraron a maneira de facelo.

-Que nos conta en Somos de Arxerís ?

-Son un conxunto de relatos, 17 en concreto, que transcurren nunha vila ficticia chamada Arxerís. Todas as historias están interrelacionadas, é como contar as memoriasdun pobo pero en vez de facelo de forma lineal e narrado, conto a historia de cada personaxe. A medida que vas lendo, conséguese esa perspectiva global de toda a vila.

-Como se sinte pola publicación do seu primeiro libro?

-Moi ilusionado, o traballo con Fuco Reyes, o ilustrador da obra, foi xenial e ver o conxunto faime quedar sen palabras. Debería telas porque son escritor, pero é unha sensación moi difícil de compartir.

-Como foi o proceso de elaboración da obra?

-Comecei a escribilo na universidade, compartindo algún escrito co meu profesor Xosé Ramón Fernández, que me comentou que tiña un moi bo nivel e que podería publicar. Moitos autores xa maiores arrepíntense de editar as súas primeiras obras, polo que eu non quería publicar sen estar a certo nivel. Cando tiña a historia bastante avanzada, outra das miñas profesoras, Carmen Pomar, púxome en contacto con Fuco para que elaborara as ilustracións. Foi un proceso laborioso, tivemos que buscar conto por conto unha fotografía adecuada, pero estou moi contento co resultado. Outra cousa que me animou moito foi ter a oportunidade de ensinarlle o libro a Neira Vilas. Explicoume que a vocación de escritor ou se ten ou non, e que eu si a tiña. Que unha persona coma el che diga algo así, é un impulso moi grande. Foi algo brutal.

-Onde nace a idea de 'Cicloxénese Expresiva'?

-Persoalmente, eu sempre quixen realizar unha revista así. Xuntámonos en Vila de Cruces Yasmina Casal, Belén Quinteiro e eu, e decidimos tirar para adiante ca idea, porque a todos nos parecía un bo plan. Fomos buscando colaboradores e tamén recibimos correos electrónicos de xente que quere participar. É coma unha plataforma para dar visibilidade tanto a escritos de autores consagrados como de persoas que levan toda a vida escribindo pero nunca o amosou. Gústanos ese contraste.

-Cal é a organización do grupo para a edición da revista?

-Non nos dedicamos profesionalmente a esto, polo que vai un pouco en función do tempo libre de cada un. Buscamos colaboradores, facemos entrevistas e iso vai creando vínculos e facendo que máis xente nos coñeza e logo acudan a nós para publicar. A web financiámola nós, e tamén a edición do primeiro exemplar. Para esta segunda, colaborou a Libraría Couceiro de Santiago e tamén a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Coa venda dos exemplares ao final sempre acabamos recuperando o diñeiro que temos que invertir.

-Que podemos atopar nun exemplar de 'Cicloxénese Expresiva'?

-De momento só está á venda en Santiago, pero estamos á espera de que se comercialice en varias cidades máis. Ten un custe de 3 euros e é formato fanzine en tamaño A5. Son unhas 80 páxinas e mesturamos entrevistas, textos dos fundadores, de autores como Francisco Castro, Belén Bermejo ou Antón Branco e tamén hai ilustracións e fotografías.

-Canto tempo leva escribindo e que é o que máis lle inspira?

-Levo escribindo dende sempre, pero sobre os 15 dediqueime máis en serio. Inspírome nas emocións, ver algo que me faga sentir. Por exemplo, unha vez unha muller contóume que tivo unha tempada que odiaba a literatura e comecei a imaxinarme como me sentiría eu se deixasen de gustarme as historias. A partir de ahí nace un conto inspirado en algo real pero adaptado á ficción e creado na miña mente. Sempre me gustou moito Cunqueiro e un escritor que me marcou moito foi José Luis Sampedro. Ler os seus libros e ver as súas entrevistas foi como recibir unha ensinanza doutra escola, aportoume visións que eu non tiña.

-Que busca que sinta a xente cando le os seus relatos?

-Pois é dificil de contestar... Imaxino que depende do texto, se se trata de algo máis reivindicativo ou social, desexo que cambien o seu pensamento, ou que reflexionen ao respecto. A min o que máis me importa é emocionar. Por moi ben escrito que esté un texto, aínda que esté perfecto, debe ter algunha emoción que o identifique como humano. É importante que cada un saque a súa perspectiva e o interprete de maneira persoal, porque para cada lector terá un significado diferente.

Compartir el artículo

stats