A que pensou que era a súa novela maldita, polo tempo que levaba circulando polas editoriais sen ter sorte, rematou sendo a galardoada do XXIX Premio Manuel García Barros, ilusionando de novo ao seu autor, Marcos Sánchez Calveiro. O escritor recoñece que "O xardineiro dos ingleses" é unha obra escrita por el noutra vida diferente."Non son esa persoa que era antes, que se dedicaba case profesionalmente á literatura. Hoxe pouco ten que ver coa persoa que son, pero sempre queda algo dentro, e algún día sacareino fóra", sinala.

-Que é o que leva a un avogado a traballar na hostalería e escribir literatura?

-Na hostalería acabei por circunstancias persoais, laborais, e pola crise. A escritura considero que xa é independente, un pode ter calquera tipo de actividade profesional e ao mesmo tempo unha afección por escribir. Fun un gran lector durante a infancia e adolescencia, e supoño que foi por iso que acabei redactando.

--A súa afección pola escritura e lectura pode ser en parte por influencia familiar?

-Si, meus pais sempre foron bos lectores e tiñan unha casa chea de libros. A miña afección pola lectura comezou sendo un neno na biblioteca deles.Na miña infancia o tempo de ocio que había era para xogar na rúa á pelota ou ler. Ademáis viviamos detrás da Bibioteca Municipal. Aquelo que non atopaba na casa, atopábao alí.

-Como describiría a súa evolución na literatura?

-Comecei co mundo da literatura infantil e xuvenil por casualidade. Non fago distinción, escribo infantil, xuvenil e de adultos. Levo varios anos sen escribir e as dúas novelas que me quedaban no caixón, curiosamente, eran de adultos, "Fontán" e "O xardín dos ingleses".

-Por que estes últimos anos sen escribir nada?

-Escribín moito en moi pouco tempo, eu creo que sequei. Levo vinte e tantos libros desde o 2007. Agora por circunstancias persoais, familiares e laborais, sobre todo dedicándome á hostalería,que ten un horario bastante incompatible con calquera outro tipo de actividade, pois non tes tempo. Antes escribir tíñao como unha necesidade vital, practicamente pasei dez anos empalmando unha novela con outra, e ás veces, escribindo dúas á vez.

-Non ten pensado volver a escribir?

-Teño unha noveliña infantil que escribín así a cachiños nos últimos tempos estes de hostalería, que foi o meu intento por tratar de recuperar a escrita. Unha novela de longo alento, por así decilo, como foi a galardoada, que me levou moitos anos de documentación e información, sería bastante máis complicada agora. Tería que pedir un mes sabático no traballo.

-Que significa para vostede "O xardineiro dos ingleses"?

-Sempre pensei que é a novela da miña vida, é moi persoal porque hai parte da miña memoria e infancia en Vilagarcía. Logo tamén hai unha parte de memoria social e histórica da propia vila. A novela nace dun feito real. Houbo un home en Vilagarcía que durante moitísimos anos coidou desinteresadamente sobre o Xardín dos Ingleses, onde están enterrados os mariñeiros da frota británica que morrían en Vilagacía. Sempre pensei que detrás dese acto desinteresado de coidado do xardín tiña que existir un segredo e unha historia. E realmente, mudando nomes e circunstancias, parto desa anécdota real para inventar toda a novela.

-Que obxectivos se marca para o futuro?

-Non teño un obxectivo futuro máis alá de darlle unha volta á noveliña infantil que teño rematada. O seguinte é gozar do premio, da presentación, da promoción, atender aos medios, e seguir facendo cafés aos meus clientes mentres charlo con eles.