A Carballeira de Cercio celebra a súa XX Mostra de Baile Tradicional o sábado 22 de xullo, ás 21:30 horas, no campo da festa da parroquia lalinense. Durante a cita entregaranse os XIII Premios A Carballeira á Defensa da Cultura Tradicional, no ámbito comarcal e municipal. Xirandola, Asociación de Veciños de Parada e Banda de Vilatuxe son os galardoados. Coma de costume, os premios consisten nunha talla de madeira simulando unha Folla de Carballo, obra de Alberto Barrio, de Alberte Artesanía (Lalín).

Dentro do territorio lalinense, o recoñecemento é para a Banda de Vilatuxe polo seu traballo a prol da "tradición das bandas de música populares de Galicia", sobre todo nun concello recoñecido por ser terra de músicos. Destacan a súa "longa existencia" e "o impulso que está a ter a súa escola de música". É a terceira vez que unha banda logra este premio, xa que antes foran recoñecidas Muimenta e Merza. "Non é de extrañar esta coincidencia se temos en conta a importancia que ao longo da historia tiveron en Galicia e, sobre todo, en Deza as bandas de música", indica o presidente do grupo, Román Carballal. Recolle a Banda de Vilatuxe a testemuña deixada por Daniel González Alén, distinguido en 2016.

No ámbito dezao, logo do empate na votación realizada por todos os membros da agrupación, son as dúas citadas asociacións silledenses as galardoadas. Carballal destaca de Xirandola "o traballo realizado a prol da investigación e conservación do folclore, destacando aquelas relacionadas coa música, os bailes, os cantares e, sobre todo, o vestiario tradicional galego ao longo dos últimos trinta anos". Cabe sinalar que a formación da Bandeira celebra este ano o seu 30º aniversario. A Asociación de Veciños de Parada foi premiada polo labor a favor do "mantemento das tradicións de Galicia", con especial mención á súa Ruada dos Lavadoiros, que combina o folclore co respecto a uns espazos senlleiros no rural galego. Estes dous colectivos relevan aos tamén trasdezaos Valentín García e Matías Rodríguez da Torre, gañadores o ano pasado polo seu traballo acerca da figura de Ramón de Valenzuela.

A Carballeira de Cercio tamén nomeará un novo socio de honra, que este ano recalará en Marisa Álvarez. O grupo destaca o seu compromiso e espírito de colaboración coa agrupación, primeiro cando tiña competencias como concelleira no ámbito da cultura, pero, sobre todo, "o seu ánimo continuo ao grupo, unha vez que deixou esa responsabilidade, xa que é unha persoa que sempre ten para o mesmo alento e vontade de axuda".

La Peana de Segovia

A mostra poñerá sobre o escenario a todos os rapaces da escola de baile e mailo grupo de gaitas, e nela estrearase unha nova sección de pandereteiros/as que acompañará á xa existente feminina. A Carballeira representará o seu duodécimo espectáculo teatro-musical, O mellor das festas sonche as vísperas, que non deixa de ser unha precuela de Foguetes de tres estalos, de hai uns anos. Conta a historia dun coñecido personaxe, Manuel, O Afiador, que vai camiñando á festa do Santiago en Cercio e encontra diversas xentes e situacións divertidas. Entre as vicisitudes deste Afiador, que xa protagonizou tres espectáculos, intercalaranse bailes, cantares e músicas interpretadas polos máis de 40 membros da agrupación. Na mostra participará o grupo La Peana de Segovia, a quen devolverá a visita A Carballeira na última semana de agosto co gallo dun festival de baile na cidade castelá.