Rexas, mulleres baixo o terror franquista é o título da exposición que percorrerá a provincia como parte da homenaxe que rende a Deputación de Pontevedra á memoria das mulleres vítimas do alzamento fascista de 1936. Trátase dunha antoloxía da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A mostra, que foi presentada onte pola presidenta provincial, Carmela Silva, e mailo deputado de Cultura, Xosé Leal, no Pazo Provincial, percorrerá ata final de ano os concellos de Silleda, Tui, Marín, Nigrán e Pontevedra.

A casa consistorial de Trasdeza será a súa primera parada, o vindeiro mércores, día 12, e alí permanecerá ata o 30 de xullo. Do 3 ao 30 de agosto poderá verse na Área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro estará no Museo Municipal Manuel Torres, de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro, no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro, no Pazo da Deputación en Pontevedra.

A comisaria da exposición, Montse Fajardo, admitiu que "moitas" mulleres que sufriron persecucións similares "non aparecen" nesta mostra. "Moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura", salientou. Son 78 fotografías que contan 172 historias con nomes de muller, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, e divídense en tres bloques. O primeiro, o da contextualización histórica, conta que "o golpe de estado supuxo unha quebra dos dereitos da República". Unha segunda parte recolle que as mulleres non só padeceron os mesmos tipos de represión que os homes, senón que, ademais, foron obxecto de vexacións. Pero non só aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén as achegadas de homes perseguidos: Foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. O último apartado dedícase a recoñecer o labor "solidario e resistente" das mulleres.

"O mellor da sociedade"

Na inauguración, Carmela Silva reivindicou os "valores de liberdade, xustiza, igualdade, democracia e legalidade" da II República a través do ensalzamento das vítimas. "Porque estas mulleres defenderon o xusto. Eran o mellor da sociedade, pero foron silenciadas", proclamou. Asimesmo, Xosé Leal destacou o "compromiso claro" do goberno provincial coa memoria histórica tras lamentar o "castigo" que o réxime franquista impuxo ás mulleres que agora se homenaxean, máis duro que o dos seus homes ou familiares, xa que, amais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou durante moitos anos "perpetuando a súa dor, sen poderen chorar aos seus seres queridos, porque había xente detrás que estaba azuzando para que non o fixeran". O deputado engade que "eran realmente mulleres rexas, como di o título da exposición". Por último, louvou o traballo das asociacións por recoller os acontecementos históricos e contribuir á mostra, agradeceu aos familiares das vítimas que manteñan viva a memoria e salientou o interese mostrado polos concellos.