Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os petos de ánimas

A implantación da Santa Inquisición, en 1562, contribuiu ao pulo desta relixiosidade fanática e á súa actividade en forma de obras de cantería que, segundo algúns expertos, chegara a Galicia a través do Camiño de Santiago

Petos de ánimas que aínda se conservan en A Veiga (Lalín) e Riobó (Rodeiro). // Ángel Utrera

Un alma tienes y no más, si la pierdes, ¿que harás?

Arrebolada na néboa que pinta de branca negrura a noite acoitelada de silencios e sen estrelas, case que sempre infectos de podremia, silencios e abandono, odios e esquecemento, musgo e desidia por igual da que falan os pobos sen memoria, a figura imperturbable distante e impoñente dos petos de ánima chama dun xeito humilde por nós dende a distancia da granítica pedra e o tempo que non pasa, no silencio das paradas para acollerse a sagrado e invocar a protección divina na hora da morte, dos contos e lendas de vellas e trasnos, de meigas e santas compañas e implora unha esmola e unha oración polas ánimas do purgatorio .

Para algúns entendidos estas formas de instruír e transmitir os ensinos cristiáns e sacralizar o pagano, chegan a Galicia polo Camiño de Santiago a Compostela, que se vai enchendo de cruceiros, gradas e lugares de repouso, descanso e acollemento os peregrinos e camiñantes; inmenso traballo das ordes mendicantes do Cister e o Cluny, que estenden polo paías a arte románica, máis tarde asimilada na representación e arte sacra do gótico.

A aparición e implantación dos tribunais da Santa Inquisición a partires da Contrarreforma no noso país, no ano 1562, sen dúbida tamén contribuíu ao pulo desta relixiosidade fanática e a súa actividade en forma de obras de cantería; cruceiros primeiramente e petos de ánimas e outras obras relixiosas máis tarde. Dende aquel entón a expansión por Galicia do Santo tribunal foi rápida, ata o ano 1700, período que coincide cronoloxicamente coa primeira fase de expansión dos nosos cruceiros.

A Inquisición non foi, pois, máis que o garda da fe e da doutrina que depurou medos, feitizos, fantasmas e santas compañas dos camiños a golpe de cicel e martelo dos nosos canteiros imbuídos dunha sospeitosa relixiosidade plasmada na pedra granítica daqueles cruceiros, limando obstáculos no camiño dos artistas ferventes católicos de convicción ou por medo, e o culto ancestral á morte e ao lume do purgatorio. Coñecemos como "petos de ánimas" a materialización deste culto innato do noso pobo á memoria dos mortos, a través de pequenas fábricas en pedra granítica xeralmente que as xentes do rural levantaba en camiños, cruces ou muros preto das igrexas.

Para a inmensa maioría do sentir popular a súa finalidade era o culto á memoria dos mortos e de paso pedir unha esmola e unha pregaria pola salvación das almas pecadoras do purgatorio, para aliviar o seu tormento e destinar o recadado ás misas polas ánimas. Unha curiosidade é o feito de que, ás veces, a ofrenda era material: millo, patacas, mel, aceite, hai que supoñer cal era o seu destino final.

Case que todas estas construcións tiñan a cruz enriba e imaxes de ánimas purgando os seus pecados, baixo a atenta vixiancia dun santo, un rei ou unha representación relixiosa; na parte baixa, un caixón ou peto, onde depositar as esmolas. Algunhas tiñan lendas e gravados a modo de pregaria e foron levantadas pola igrexa, ás veces as irmandades das vilas ou algún particular que deste xeito pagaba unha débeda ou promesa relixiosa.

Unha variedade a cabalo entre o cruceiro típico e o peto de ánimas, era o "cruceiro de ánimas", que se caracterizaba por ter na súa base un peto, onde depositar as esmolas por parte dos devotos. Aínda que a maioría atopábase nos camiños, tamén no interior dalgunha igrexa, adosado nos seus muros, podemos ver restos dalgúns deles.

Resulta imprescindible acudir para saber máis do tema ás obras de Castelao, Vicente Risco ou Taboada Chivite, para os que non pasou inadvertido este patrimonio cultural do noso pobo.

Sen dúbida a variedade existente destes petos de ánima obriga a facer unha clasificación en función da súa laboriosidade, e deste xeito atopamos: Petos toscamente elaborados cun traballo de cantería moi sinxelo e de formas arcaizantes, posiblemente pola impericia do canteiro ou a austeridade do lugar -un penedo, un muro, unha congostra, un camiño-, ou mesmo non debemos esquecernos que en moitos deles o traballo era comunitario e realizado por todos ou unha boa parte da veciñanza, que participaba do común das cousas propias da vida da aldea. E outros petos construídos cunha maior elaboración e traballo esmerado e moi coidado, con molduras, adornos e motivos relixiosos. Todos eles teñen como elementos comúns característicos: Feitos en pedra granítica, a cruz a modo de remate, a hornacina no medio, coma se dunha capeliña ou altar se tratara, máis ou menos tallada, con escenas de ánimas no purgatorio, santos e persoeiros relixiosos, e na base, o peto característico e que da nome ao monumento, coa rañura para botar as esmolas.

Compartir el artículo

stats