Inmersos aínda no éxito dos certames de tatuaxes en galego e na expansión da regueifa (é unha materia optativa neste centro) os alumnos do IES Marco do Camballón xa teñen un novo proxecto: recuperar os alcumes que teñen os veciños de cada unha das 28 parroquias do municipio. A día de hoxe, xa só falta saber cómo se "apelidan" os que viven en Asorei, Gres, Portodemouros e San Pedro de Losón. A idea xurdiu no seo do Clube da Lingua, un proxecto transversal aberto a outros departamentos á marxe do de Lingua Galega e, por suposto, a todos os alumnos.

-Os de Añobre son os carrizos, os de Vila de Cruces, xitanos, os de Besexos, estorniños... ¿sábese cál pode ser a orixe destes xentilicios, digamos, alternativos?

-Ese é un paso moi difícil, porque seguramente este alcume era algo que identificaba á parroquia e agora estase perdendo. Hai, por exemplo, unha lenda que di que nos tempos de Franco a Garda Civil levou a alguén ao cuartel e, cando os axentes lle preguntaron se era xitano, esa persoa respostou que non, que era de Cruces. A lenda tén 70 anos. Outro caso é o de Salgueiros, aos que lles chamaban ceboleiros, quizais porque alí se daba ben ese producto.

-O resultado deste estudo pode consultarse no seu propio perfil de Facebook, aberto a aportacións para quen saiba alcumes por aldeas. ¿Vaise editar un libro, igual que no caso das tatuaxes?

-Non, neste caso é unha especie de proxecto paralelo a outro que leva o departamento de Latín, no que os alumnos traballan a explicación toponímica das parroquias, o porqué da súa etimoloxía. O ano pasado comezamos unha colección de crachas das 28 parroquias, e nunha conversa alguén comentou o dos "xitanos" de Cruces, así que nos pareceu unha boa idea buscar os demais alcumes para incorporar estes datos nas chapas. Así que, o ano que vén, teremos as 28 crachas, unha por parroquia, co alcume, a explicación do topónimo e unha imaxe, ademais dun póster. Pero xa estamos pensando en facer un mini póster para a festa da lingua que temos o 23 deste mes, que lle entregaremos a cada profesor e a cada alumno.

-Non é difícil pensar que seguramente estes alcumes só se empregan entre a xente de máis idade de cada parroquia.

-É un costume que se está a perder, si. Pero dende o Clube da Lingua tentamos, xa co primeiro proxecto de Palabras de Pedra, coñecer o patrimonio local, tanto material como inmaterial, a través dunha dimensión lúdica. Estas cousas estanse perdendo por falta de coñecemento do propio entorno e porque o concello vai minmguando en canto a poboación. Isto tamén afecta ao noso instituto, que perde alumnos ano tras ano. Así que unha das maneiras de valorar o propio concello é poñendo en valor todo este patrimonio, porque axuda a que os rapaces se identifiquen co seu. No fondo, é unha cuestión de autoestima.

-Con todos os proxectos que leva a cabo para poñer en valor o idioma e a cultura galega, o Marco do Camballón pode presumir de ser un dos institutos máis dinamizadores case a escala galega.

-Moitas grazas, pero creo que se debe a que, na situación actual, obríganos a que a resposta sexa moi creativa. Moitas ideas que poñemos en marcha saen do propio alumnado, o que demostra que a lingua galega é moderna e o rural tén futuro. Nunha situación de retroceso do rural, Vila de Cruces si tén esa enerxía para respostar con creatividade. Por eso, neste proxecto dos alcumes queremos facer unha colección de crachas que sexa tamén accesible aos veciños, porque moitos non teñen acceso a internet, e é unha forma de obter financiación para as iniciativas.

-De feito, non sería a primera vez que optan pola autofinanciación...

-É que, se agardamos pola axuda da administración, non imos facer nin a cuarta parte do que esperamos, porque sempre se nos comunica a comezos de xuño cánto podemos gastar ao longo do ano, o que inclúe un curso que xa pasou. Así que optamos pola autoxestión, coa venda de camisolas, CDs ou as crachas, cando as teñamos. O certo é que non se está apoiando aos Equipos de Normalización Lingüística, aínda que si se respalden algúns proxectos como a Regueifesta que fixemos co IES de Baio.