A Concellería de Medio Ambiente de Lalín informa da obrigatoriedade de pedir permiso para as tradicionais fogueiras de San Xoán na noite do venres 23. As solicitudes deberán presentarse no rexistro municipal ata o 21 de xuño (inclusive) para a súa remisión á Consellería do Medio Rural, que se encargará do control e seguimento.

As fogueiras non poderán superar os catro metros de diámetro nin os tres metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será, como mínimo, de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zona forestal. Non se poderán queimar pneumáticos, plásticos, aceites e, en xeral, calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos. Asimesmo, coidarase de non botar lume aos recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión aínda cando estean baleiros.

No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados ou asfaltados e pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento de pintura cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da fogueira, que deberán retirar unha vez finalizada a actividade.

Antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. En todos os casos, os organizadores serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.