Dúas vivendas, un almacén, unha muralla e un foso foi a avaliación final tralo remate da última campaña de escavacións que puxo en marcha a Casa do Patrón de Doade nunha finca próxima. Novos descubrimentos que completarán o seu museo ó aire libre no lugar ubicado a uns 600 metros das instalacións e que estará aberto a partir de mañá, aínda que as láminas informativas non estarán colocadas ata finais de xullo. Neste mes tamén se ampliará a sala de arqueoloxía do museo con restos encontrados así como con varias réplicas.

Dende o 2015 levan os traballos arqueolóxicos na finca adquirida pola Casa do Patrón e onde se encontra un castro fortificado. Ata o de agora foron tres as campañas as que se realizaron para descubrir o que se agocha no lugar. Pero sen dúbida esta última que acaba de rematar non deixa indiferente a ninguén con dous novos espazos habitacionais, unha muralla e un foso que alcanza case os catro metros de profundidade. Cabe destacar estes dous últimos elementos para explicar a boa fortificación que construían os castrexos para poder defenderse dos seus inimigos. Ademais, destacan unha nova maneira de construír que ata o de agora pode ser que non fora rexistrada.

A evolución dos traballos foi marcada polas diferentes campañas que se realizaron. Na primeira delas en 2015, apareceu o primeiro dos castros e que correspondía a metade da casa grande. Na seguinte, realizada o pasado ano, os traballos expandíronse e deron lugar á aparición da outra metade da casa. Xa coa actuación que se fixo este ano, descubríronse dúas habitacións que segundo explica a directora da escavación, Vanesa Trevín, corresponde a unha pequena casa anterior á casa grande. Esta, segundo apunta, agocha una nova maneira de construír que polo que se cree aínda non fora descuberta. Esta nova maneira basease "en pedras fincadas pola parte exterior como facendo un cerrado para aguantar os cimentos do castro", indica Trevín. Neste sentido, interpretan que esta primeira a casa foi desmontada para contruir unha nova de maior envergadura. Creen tamén que despois diso se puido edificar enriba creando inclusive un engadido á nova casa.

Isto non foi todo, encontraron un nova construción anexa á casa grande. Este habitáculo tiña función de almacén, estaba construído por un material non perecedeiro e ten un pavimento para aillar o que se gardaba no lugar.

Outro sondeo na finca descubreu unha muralla de gran tamaño, destacando así a gran defensa que posuían. Calculan que esta construción tiña uns sete metros e estaba feita por un preparado de pedras e terra. A ela sumábaselle un foso en forma de uve que "é o elemento estrela de este ano", explica a directora da escavación. "É un dos pouquiños escavados en Galicia e a nivel científico nos vai a dar moita información para coñecer máis da idade do ferro galega", indica.