Manuel Busto Galego vén de descubrir nos Pendellos de Agolada un vestixio arqueolóxico que lle engade aínda máis, se cabe, interese e valor turístico ao antigo mercado: unha columna miliaria de orixe romana, un marco pétreo dos que usaban os romanos para balizar as vía que utilizaban no lugar.

A construción dos Pendellos iniciouse en 1788. A pedra gra foi o material usado para a construción, xa que o subsolo de Agolada é rico en granito e a súa extracción era tarefa sinxela. Lousas e chantos circularon dende os outeiros de Coteimil e Campo de Xastre ata a campa feiral, onde os antigos camiños se cruzaban. Coa técnica da pedra seca foron nacendo casetas, expositores e comedores. Tamén se ergueu a capela das Virtudes ata conseguir un espazo arquitectónico adaptado ás necesidades da feira.

Segundo explica Busto, para os pendellos expositores talláronse esteos longos, arrincados directamente coas directrices das cuñas. Chantáronse os esteos nos mostradores para soportar os tellados pendurados e crear contrastes de luces e sombras a xeito de pavillóns porticados. "Pero, de entre todos estes, un desentoa", recoñece o profesor. Asegura que non é produto das cuñas, senón resultado do cicelado nunha feitura cilíndrica. Durante tempo ninguén acertou a reparar o por que da súa diferenza. Finalmente, segundo o propio Busto, púidose saber que é unha columna miliaria. Esta foi reaproveitada para a construción do primeiro pendello, este fora un dos que ordenara edificar o escribán Ramón Barrio de Losada nos inicios da construción do recinto. Descoñécese se foi removido ou se era a súa ubicación orixinal. Crese que si que é a súa primeira situación xa que "carecería de sentido sometelo a un transporte longo cando nas inmediación abundaba o material para tallar columnas", explica Busto.

Os restos da presenza romana tamén se deixan ver, precisamente, en forma de miliarios noutros puntos da comarca, caso de Pescoso (Rodeiro), onde están documentados ata tres distintos. Amais, hai lares viales, coma o de Graba, ou aras, coma a de Santa Baia de Camba.