Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Ponte de Castro, en perigo de derrubamento

O arranxo do viaducto sobre o Asneiro dilátase no tempo malia á aportación de máis de duascentas sinaturas de veciños de Cristimil, Bendoiro e Prado, que alertan de que os piares non aguantarán a próxima enchente

o Asneiro, lindeiro entre Bendoiro e Cristimil. // Fotos: Paco L. Cuiña e Óscar Fdez. Pol

A coñecida coma Ponte de Castro, sobre o Asneiro, corre perigo de derrubamento se non media unha urxente actuación: "Non aguantará a próxima enchente, os piares e o peitoril van ir polo río abaixo", sentencia un dos veciños que nos pediron e acompañaron para dar unha opinión sobre esta ponte pouco coñecida e transitada nos tempos que corren. Meses atrás, logo de que os veciños de Cristimil, Bendoiro e Prado xuntaran máis de duascentas sinaturas pedindo o arranxo, ofrecendo os terreos precisos para ampliar o camiño que chega deica a ponte e avisando ao tempo do perigo que supón para os usuarios, parecía que o problema estaba a piques de resolverse.

Pero o arranxo vaise dilatando no tempo e Concello de Lalín, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica, Deputación de Pontevedra, Medio Ambiente e Patrimonio da Xunta, ou quen teña competencia nisto, parece que non lle poñen remedio. Se a ponte se escagalla totalmente será pouco menos que imposible a súa recuperación.

A ponte que une os lugares de Gondufe (Cristimil) e Bendoiro de Abaixo non ten un grande valor histórico, artístico ou monumental. Mandouna construír o veciño de Gondufe José de Castro antes da guerra do 36, daquela con dous piares de cachotería e unhas trabes de castiñeiro que co tempo serían substituídas por unhas de formigón. Os veciños dunha e doutra banda do río úsana para ir ás súas fincas, tamén é transitada polos troiteiros e cazadores e agora tamén por sendeiristas que teñen sinalizado por aquí un roteiro percorrendo fermosas fragas, os castros, mámoas e pazos de Bendoiro, e varios muíños e tostas agochados na ribeiras do Asneiro e do seu afluente, o regato da Laxe, que aquí forma a fervenza da Grifa. Tempo atrás eran moitos os que atravesaban a ponte para que ir ao médico Domínguez do Pazo de Bendoiro, a traballar no ferrocarril ou na fábrica de punto Iván, de Bendoiro, que chegou a contar con máis de cen obreiros. A ponte aforraba un percorrido de máis de dous quilómetros, evitando ir dar ás pontes Ámoas e Asneiro, río arriba e abaixo, que agora son as que usan os vehículos a motor.

Non parece custosa, aínda que si urxente, a reparación que solicitan os veciños. Un dos piares con escasa cimentación presenta danos logo dalgunha das enchentes do río, que chega a aumentar en vinte veces o seu caudal e mesmo nun par de ocasións, lembran os máis vellos, a corrente superou esta ponte, que ten máis de catro metros de altura. Nós, no ánimo de axudar a quen nolo pediron achegamos este relatorio ao xornal agardando que quen verdadeiramente poida resolva esta petición veciñal.

Compartir el artículo

stats