-Vostede xa leva dúas homenaxes, non está mal?

-Hai pouco me fixeron un, o de Lalinense do ano, e penso que o merecía polo meu traballo. Agora tamén traballo tocando a pandereta, que é outra maneira de traballar tamén. O outro día na Praza da Igrexa de Lalín había moita xente, oito grupos. Eu sei cantar, pero tamén sei chorar. Levo unha pena moi grande dentro de min, pero vin aos meus netos que me estaban acompañando e deume máis pena aínda. O mellor de todo foi que Celsiño Fernández Sanmartín estivo todo o tempo con nós, porque é moi bo rapaz.

-Que significa a figura de Celsiño F. Sanmartín no grupo de pandereteiras de Zobra?

-Se é meu non lle quero máis. Pódolle dicir que para estas tres persoas que estamos aquí (Amparo, Samuel e ela) é unha persoa maravillosa. E ensinámolo. O outro día, en Lalín, falou duns contos que eu lle contara, mirábame e non paraba de rir. Non lle acordaba unha copla e chamou á casa de Amparo para que lle dixera como era toda a canción. É moi gracioso e moi agarimoso con todos. É un rapaz que sempre se preocupa por todas nós e que está pendente de todo o que facemos porque lle gusta, penso. Da gusto estar con el porque nunca está de mal humor e ten o sorriso disposto para todo. Xa digo que se fora meu non lle querería máis.

-Canto tempo quere seguir tocando coas pandereteiras?

-Outros tantos non estaría nada mal, pero non sei canto aguantarei. Sonche moitos anos. Agora xa non toco a pandeireta, só canto por culpa da enfermidade que teño. Unha das últimas veces que fun a Carboeiro a man xa non me iba nada ben e tiven que deixalo. Agora toco algo as cunchas porque non me doen tanto ás mans como cando podía tocar a pandeireta. Din que son das que mellor canto de todas, pero penso que hainas que cantan tan ben ou mellor ca min no grupo. A verdade é que temos moi boas voces nas pandereteiras de Zobra.