Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roteiro de Soutolongo (e V) · Os señoríos

Entre catro pazos e o poder da Igrexa

Na parroquia convivían os señoríos de Des, O Pazo, Viñoa, Carracedo e a influenza das dióceses de Lugo e Santiago e varias ordes, entre as que destaca a Encomenda de Beade

O magnolio do seu xardín. // A.P.

Non ben entrada a Idade Media comeza o proceso de organización territorial levado a cabo por institucións relixiosas e políticas, que se expansionan, con bastante rapidez, durante os séculos seguintes. En Soutolongo, inicialmente un territorio libre, actúan a diócese de Lugo, que xa viña exercendo un control relixioso sobre a zona; a expansiva igrexa compostelá; as ordes relixiosas establecidas en Galicia, como o mosteiro benedictino de Carboeiro, o cistercense de Aciveiro, o de Oseira e a Encomenda de Beade, pertencente á orde relixiosa de San Xoán de Xerusalén (posterior Orde de Malta). A todas estas institucións de tipo relixioso debemos engadir a influenza xurisdicional do condado de Lemos.

Na documentación conservada faise referencia a acontecementos vinculados coa incipiente Soutolongo. No ano 1106, en tempo de Xelmírez, nunha demarcación territorial do burgo de Compostela, aparece a localidade externa de Viniola, ubicada ao lado do río Asneiro e que, co paso do tempo, pasaría a formar parte de Soutolongo. En 1108, menciónase unha doazón á igrexa de Compostela en Saltum Logum, topónimo que etimoloxicamente fai referencia a un espazo dominado por un extenso bosque composto por árbores caducifolias de diferentes especies. Esa denominación (fitotopónimo) será a que se impoña como nome da parroquia sen que se tiveran en conta as aldeas altomedievais daquela existentes nesta área. A presenza do mosteiro de Oseira neste entorno centrouse, sobre todo, na contigua parroquia de Sampaio de Lodeiro. Así, en 1235, aparece mencionada, na documentación do mosteiro, a existencia dunha maiordomía en Castro de Lodeyro.

A finais do século XIII, membros nobiliarios da familia Galianato obteñen do mosteiro de Carboeiro foros en Vilar, Dees, Longo, Carracedo, Castro e Viñoa. Posteriormente teñen un pleito co mosteiro polo coto de Soutolongo.

Durante o século XII-XIII debeu establecerse en Des un centro de poder económico territorial en torno a unha mansión señorial, que se transformaría nun dos pazos máis importantes da zona. Non queda nada daquela primitiva construción a causa das sucesivas modificacións e ampliacións sufridas, pero subsiste un gran muro que rodea as 13,8 Ha de finca (antiga reserva) na que se ubicaba e un prado de 4,9 Ha a carón do río Asneiro, que leva o nome de Prado do Conde. Ambas referencias son os extremos do extenso coto ( reserva e mansos), que abarcaba unha superficie de máis de 107 Ha. O pazo e o seu circundo estaba na zona alta, a 535 metros de altura e o prado, na parte baixa, a uns 450 metros.

A extensión da actual aldea de Des, que orixinariamente se correspondía co latifundio señorial, abarca unha superficie total de 107,4 Ha, aínda que, antigamente, debía ocupar unha área maior dado que, polo Norte, limita con Vilar, aldea na que houbo aforados deste pazo nos séculos pasados. Así que a zona de bosque ( saltus) do señorío de Des tiña que extenderse amplamente polas terras de Vilar, porque era o único espazo que non presentaba limitacións ao seu dominio. Pola contra, no lado Sur, o coto de Des, limitaba con outro señorío establecido na actual aldea do Pazo (Pazo dos Infanzóns).

O señorío de Soutolongo, coñecido popularmente como O Pazo, está situado ao Sur do anterior e ocupou unha das zonas de mellor habitabilidade da parroquia e, por esa razón, seguiron un modelo de ocupación do espazo similar ao verse obrigados a compartir unha fronteira (lindeiro) común.

Nos dous casos a residencia señorial ou pazo, coa súa correspondente reserva, atopábase na parte alta do coto, a 525 metros no de Soutolongo e a 535 metros no de Des. Por abaixo do pazo de Soutolongo formouse unha pequena aldea (Soutolongo de Arriba) e co paso do tempo apareceu máis ao Leste, é dicir, a un nivel inferior, Soutolongo de Abaixo. En Des sucedeu o mesmo, formándose por debaixo da mansión señorial a aldea de Des e, máis tarde, ao Leste desta, aparecería o novo núcleo de O Tarreo.

Tanto o señorío de Des como o dos Infanzóns en Soutolongo de Arriba extendíanse desde a parte alta, onde estaban os respectivos pazos, ata o río Asneiro, onde tiñan instalados muiños hidráulicos. Na microtoponimía actual aínda quedan vestixios daqueles dous cotos a carón do río, posto que aparece o nome de Prado de Espinosa a 457 metros de altura, en relación co de Soutolongo, e Prado do Conde a 450 metros (altitude), en referencia ao coto de Des. E outro tanto sucede cos respectivos muiños que pertenceron aos dous señoríos veciños.

Nos séculos XV-XVI atopámonos cunha parroquia dominada por varios señoríos, que exercían un poder directo sobre os seus respectivos cotos e outro, de tipo xurisdiccional, sobre as aldeas novas que se estaban formando, como Eirexe e Vilar. Outros señoríos de rango inferior tamén se estaban formando, durante estes séculos, en Viñoa e Carracedo.

O mosteiro de San Martiño de Santiago tivo unha notoria influenza no E-SE da parroquia; en 1536, levou a cabo aforamentos nas localidades de Viñoa, situada na marxe dereita do Asneiro, e A Seara, posteriormente denominada Carracedo.

As dúas casas establecidas en Viñoa dispuxeron dun territorio libre que converteron en propiedade e delimitaron rapidamente cun extenso valado, no linde con Vilanova, mentres que na parte occidental o Asneiro servía de demarcación natural con Soutolongo, parroquia á que pasarían a pertencer máis adiante. Desde a súa formación no século XVI, ata finais do XX, en Viñoa unicamente houbo dúas casas, a dos López e a dos Taboada. Chegaron a ter capela propia, como en case todas as aldeas da parroquia, adicada á Nosa Señora da Concepción.

No caso de Carracedo todo parece indicar que a súa orixe tamén estivo relacionada coa fidalguía. A casa máis antiga dos Novoas, evolucionada a partires dunha forma torreada, posiblemente date de finais do século XVI; por iso, a tradición oral sostén que a vella oliveira, alí plantada, data da época do descubrimento de América.

Compartir el artículo

stats