Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roteiro de Soutolongo (II) · O megalitismo

Un territorio delimitado por mámoas

Na parroquia localízanse arredor dunha vintena de enterramentos prehistóricos

Interior da Cova dos Mouros, localizada por debaixo da finca do Viveiro e a carón do río Asneiro.

O megalitismo difundiuse pola líña divisoria do Deza-Asneiro, onde deixou varios túmulos: Necrópoles do Campelo (sete mámoas), O Couto (cinco) e Pena da Cruz (tres), dúas mámoas no Agro da Mámoa, unha en Coto Espiñeira e outra en Coto de Vistalegre. Como o límite occidental de Soutolongo queda establecido pola divisoria Deza-Asneiro, ao longo duns 2.700 metros, pódese dicir que o aliñamento de sete mámoas, nese tramo da divisoria, serve de inequívoca delimitación parroquial.

A necrópole do Couto, unha das concentracións máis importantes da zona, estaba formada por cinco túmulos, dos que tres foron destruídos por un veciño da parroquia en 1981 ao roturar o monte para transformalo en pradería. Na actualidade, consérvase en moi mal estado, a Mámoa do Couto ou de Sete Camiños, situada nunha zona de cruce de varias vías de comunicación antigas (Camiño Real O Ribeiro-Ponte Asneiros, Camiño Real O Reguengo-A Barcia, camiño interparroquial Vilar-Os Carballiños de Vilatuxe). Este lugar ou topo disfrutaba dun excelente campo visual e foi constantemente relacionado coa presenza do lobo, sobre todo pola noite, ao ser un dos sitios onde ten habido numerosos encontros deste gran depredador cos camiñantes: "Para pasar por este lugar de noite, non se podía ter medo porque, case sempre, estaba o lobo subido no coto e non sabías o que podía suceder... Pola noite cando se escoitaban oubeos era sinal de que o lobo andaba por este sitio".

O outro posible túmulo atópase na Zarra do Couto, a uns 160 metros de distancia, en dirección NNE, da Mámoa de Sete Camiños. Esta mámoa probablemente fora moi rebaixada, en tempos pasados, para cultivar centeo de estivadas nos terreos colindantes e, por iso, resulta díficil de visualizar ao estar cuberta por unha densa matogueira.

No entorno da necrópole do Couto foi descuberto un morteiro ou muiño de man, consistente nun bloque rochoso de pegmatita duns 300 quilos de peso, cunha concavidade circular de 55 cm. de diámetro, na parte superior, pulida por desgaste. O descubrimento tivo lugar en 1999 cando se araba no monte cun tractor e, nese mesmo lugar, tamén foron atopados tres pequenos anacos de cerámica. Estes achados fan pensar que aquí houbo un asentamento neolítico situado moi cerca da referida necrópole. A pegmatita é unha rocha filoniana da familia do granito, que aflora neste lugar intercalada entre os paraneis, presentando un aspecto moi alterado (xabre) e que foi obxecto de prospección mineira por medio de calicatas en 1954-55, na procura de wolframio e estaño.

Coto de Vistalegre

Un túmulo de gran tamaño é o que se localiza no Coto de Vistalegre, con sinais de ser profanado en séculos pasados na procura de tesouros ocultos. Neste túmulo, que era descoñecido como tal polo vecindario, tiña lugar todos os anos a práctica dunho vello costume de carácter ritual, que desapareceu a comezos da década de 1960. O 13 de xuño, festivo na parroquia, era levada a ombros en procesión a imaxe de San Antonio, desde a igrexa de Soutolongo ata o Coto de Vistalegre (850 metros de distancia), seguindo o Camiño Real que vai en dirección a Barcia. Alí, na cima do topo, o párroco procedía a bendición dos froitos de todos os fregueses, froitos que estaban en pleno crecemento: Millo, trigo, centeo, patacas, hortalizas, herba nos prados, etc. Está situada nun punto prominente da parroquia, a 576 metros de altura e isto, unido ás súas grandes dimensións -uns 40 metros de diámetro-, fai que ese lugar sexa un punto de referencia moi importante, cun gran campo visual en todas as direccións.

Outros túmulos

No pasado a parroquia ocupou unha superficie notoriamente superior á actual porque as localidades de Sampaio e Castro de Abaixo, que agora forman o anexo recoñecido como parroquia de Lodeiro, pertencían a Soutolongo. Daquela os dominios de Soutolongo chegaban ata a Saborida e por iso se debían ter en conta as mámoas que se localizaban ao pé do Camiño Real que viña desde O Ribeiro en dirección á vella Ponte Asneiros (Cristimil). Ao Leste da Saborida localízanse as mámoas de Coto da Saborida, Fonte Piosa, O Camiño Real e tres no Monte Campelo, das que unha aparece completamente arrasada hoxendía. Entre as aldeas de Castro de Arriba e Castro de Abaixo atópanse dúas mámoas de tamaño considerable: Mámoa Redonda, tamén denominada Mámoa da Cruz do Coto, e a de O Cotiño ou Coto de Tras da Mámoa. Ao Norte do Castro de Lodeiro, outras veces recoñecido como Castro de Vilatuxe ou Castro de Soutolongo, atópase a mámoa de Coto Espiñeira, no límite da parroquia de Soutolongo con Barcia, a unha altura de 609 metros.

Compartir el artículo

stats