Nas terras de Camba celébrase dende tempo inmemorial unha curiosa procesión que percorre catro das súas parroquias en tres domingos consecutivos de maio de cada ano. A imaxe da Virxe da Ascensión de Río percorre as parroquias de San Xoán, Fafián e Santa Baia canda outras tres imaxes marianas de cada unha destas parroquias, relata un dos asiduos da celebración, José Ramón Dobarro Cibeira. Nas catro igrexas que visita -administradas polo párroco Alvito García Fente- é costume que os fieis pasen por debaixo da imaxe da Virxe, poxen por levar as andas da imaxe, prendan e paguen cirios e escoiten misas, quedando ofrecidas dun ano para outros.

Todo comeza o segundo domingo de maio. A Virxe da Ascensión que se venera na parroquia de Río sae da igrexa, logo da misa solemne, e vai rodeada de fieis deica a igrexa de San Xoán de Camba, desde a cal sae a imaxe da Inmaculada Concepción para recibila no camiño. Finalizada a liturxia, as dúas imaxes da Virxe María "fican na fermosa igrexa románica anexa ao Pazo de Camba ata o domingo seguinte, na que a titular de Río sae cara a Fafián acompañada un bo treito pola de Camba", en verbas do investigador Daniel González Alén.

"Nunha encrucillada que preside un vello cruceiro agarda a Purísima Concepción de Fafián, que chegou ben acompañada de devotos entre bombas de palenque e repenique de campás", prosegue o cronista lalinense. Logo de saudárense as dúas imaxes, celébrase na igrexa parroquial unha misa solemne. Ao seu remate, as dúas iconas saen novamente ao camiño acompañadas dunha grande cantidade de veciños dos contornos. A Inmaculada retorna a Fafián e a particular virxe peregrina de Camba "segue por vellos camiños, pistas e modernas estradas ata a igrexa parroquial de Santa Baia de Camba, onde se repite a liturxia coa saída da Virxe do Carme a recibir á da Ascensión que en dúas tiradas chegara dende Río percorrendo máis de cinco quilómetros", engade Alén. Neste templo, no que destaca o seu retablo recentemente restaurado, logo da misa solemne, permanecen as dúas imaxes deica o vindeiro domingo, 28 de maio, en que a Virxe da Ascensión volverá á súa parroquia de Río, de novo en loor de multitudes.

Outras imaxes irmás

Di Alén que tanto a imaxe de Río coma a de Fafián semellan feitas polo mesmo artesán cas do Santuario do Faro, a Pena de Francia e a Madanela, en terras do Reino, consideradas irmás na crenza popular. O sacristán de Fafián e os máis vellos da zona lembran -segundo o investigador- que nalgún tempo tamén se celebraba esta singular procesión para pedir unha boa colleita cando a meteoroloxía non axudaba, acción semellante á que protagonizan os veciños de Bermés (Lalín) e Vilariño (Agolada) co seu Clamor.