Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antía Otero Rodríguez: "Creo que nunca precisamos tanto a palabra coma nestes momentos"

A escritora recibiu o Premio de poesía da gala do libro galego 2017 pola súa obra "O cuarto das abellas"

Antía Otero. // Tamara de la Fuente

O Teatro Principal de Santiago acolleu o pasado sábado a segunda edición da Gala do Libro Galego, un evento no que se quere recoñecer o traballo literario realizado ao longo do ano 2016 en Galiza. Esta gala tivo protagonismo estradense grazas a Antía Otero, una escritora que levou o galardón dentro da categoría de poesía pola súa obra "O cuarto das abellas", de Edicións Xerais. O xurado valorou a creación dun mundo a través das imaxes que fai a escritora estradense nesta obra, así como a súa capacidade para crear un diálogo coa literatura que conmove ao lector.

-Ven de recibir un premio na Gala do Libro Galego, será agradábel para vostede que recoñezan o seu traballo?

-Si e especialmente por esta gala, por todo o traballo que ten detrás e polo feito de que, por segundo ano, editores e libreiros traballen en común. É algo moi bonito e xa en si mesmo é algo a celebrar. Despois, por suposto, que un libro meu saia premiado nese contexto da moita alegría.

-É ademais un premio que ven dado ou proposto polos compañeiros, algo que sempre adoita gustar aos propios escritores.

-Si, dalgunha maneira son os compañeiros os que te levan a ser finalistas. A última decisión tena a pesar diso un xurado externo. O apoio dos compañeiros é sen embargo importante e é algo que sempre gusta.

- "O cuarto das abellas", un libro que nos últimos meses está en boca de moitos e está recibindo eloxios, fálenos del.

-Non sei se darei falado ben del e describilo correctamente pero si que diría que foi un libro especial para min, tanto a un nivel persoal como a un nivel de escrita. Supoño que hai algo, moitos ecos, de todo o que vivimos. Entendo que nese sentido crease unha empatía especial co lector. De algunha maneira iso foi o que o propio xurado destacou do libro á hora de darlle o premio, a súa capacidade para conectar emocionalmente co lector. Non foi algo pretendido dende un primeiro momento pero está claro que resultou ser así. Creo que iso é bo porque unha das misións da poesía e de toda arte en xeral é comunicarse. Esa canle de comunicación é importante que estea sempre aberta e se este libro o conseguiu estou moi feliz.

-Por que ese protagonismo das abellas nesta obra? Por que as escolleu?

-Por moitas razóns. Son un símbolo moi poderoso á miña maneira de velas. Dende a construción social, dende a construción do feminino e dende a construción de social. Teñen tamén unha gran importancia na literatura. Aparecen moito en obras de poetas de referencia para min. Era algo que me comunicaba cun universo literario. Despois, tamén me transmitían cousas a nivel vivencial. O meu avó fixo mel durante moito tempo. As abellas tamén estaban sempre moi presentes na miña casa materna en Codeseda. Sempre as recordo ao redor desa casa. Son un elemento emocional e para min moi potente.

-Elas son as que lle permiten crear un mundo e tamén afondar na súa relación social.

-Si, claro. As abellas son para min un símbolo do colectivo absolutamente. Ao mellor moitos dos ecos que se poden percibir no libro teñen moito que ver con iso. É un libro persoal pero é un libro en todo momento escrito dende a pluralidade e a colectividade. Para min a abella é o maior exemplo diso.

-É vostede unha poetisa nunha época na que iso parece non estar de moda. ¿Considera que á xente lle costa achegarse á poesía hoxe en día?

-Eu creo precisamente todo o contrario. Creo que estamos nun momento no que nunca precisamos tanto a palabra. Creo que a palabra une e que a palabra é un lugar onde atoparse e quizais unha forma de atopar moitas cousas que estiveron perdidas durante moito tempo. Creo que non é gratuíto que esteamos nun momento no que a poesía está vivindo un repunte importante, sempre falando en termos de poesía. Non estamos falando de grandes masas. Sabemos que é algo máis minoritario, pero igualmente está sufrindo un repunte. Hai moita xente nova que está a escribir, xente nova que tenta comunicar e moitos proxectos novos. Creo que estamos nun momento importante a nivel poético. En parte ten que ver co que falaba antes, coa importancia que ten a palabra nestes momentos.

-Falando de proxectos editoriais, vostede tamén está metida nuns cantos.

-Si, dende hai dous anos teño Apiario, que é un proxecto editorial, por certo cun nome tamén moi relacionado coas abellas, xunto coa poeta Dores Tembrás. As dúas somos socias dese proxecto. Dende alí vemos o interese que está a despertar esa procura da palabra dende un lugar potente. É algo que percibimos como autoras e como editoras.

-Dende esa posición, como ve o panorama literario galego e estradense?

-Fai uns días tivo lugar un acto na casa de Avelina Valladares. Alí fíxose un recital no que non puiden estar pero si que estiveron moitas compañeiras. Creo que na Estrada hai unha tradición literaria importantísima e para min a figura de Avelina Valladares é tamén moi importante, entre outras figuras. Creo que na Estrada hai unha grande importancia da escrita e considero que non é algo gratuíto no sentido de que a comarca e as aldeas son lugares con moita entidade e con moitas cousas que contar. Supoño que un non pode ser alleo a iso. Persoalmente recoñezo que Codeseda ten un papel moi importante para min como lugar, como casa matriz ou como territorio con maiúsculas. En canto ao panorama galego xa falamos un pouco. Creo que se están a dar pasos importantes. Así como estanse a perder falantes en galego e está baixando cada ano a edición de libros en galego, están a aparecer proxectos que tentan comunicarse co lector doutra maneira e buscando os seus propios diálogos. Creo que estamos a un bo nivel nese sentido.Mentres que no marco da administración estamos nunha situación moi difícil, na parte que depende dos autores e da xente que traballa diariamente polo libro estamos nun momentos moi fermoso.

Compartir el artículo

stats