Como cada ano, poderase visitar durante todo o día unha exposición centrada na cultura popular tradicional galega. Desta volta, ...Para ir a unha espadela, que estivo no Museo do Pobo Galego, recolle estas pezas artesás, que, alén de ferramentas ligadas ao liño, tiñan un enorme valor simbólico e antropolóxico. As espadelas e espadeleiros do Val de Vea son case descoñecidas para o público e mesmo consideradas exclusivamente portuguesas por algúns etnógrafos. "Este instrumental miúdo entronca coas relacións que se establecían a través do traballo comunitario -explican desde Santa Ferreña-. Era un labor case exclusivamente feminino, que esixía grande esforzo e implicaba a toda a comunidade: Cultivo, colleita, obtención da fibra e transformación en fío eran os pasos previos á elaboración de tecidos". "Remataba por implicar ás veciñas e parentes, e por converterse nun evento social -prosegue-. Todas acudían coa súa espadela e espadeleiro, decoradas con rosáceas, soles, rodas, abanos, cordóns, custodias e corazóns con incrustacións de cristais e espellos e policromía variada". Esta decoración ía en relación co prestixio social da artesá, converténdose as pezas en "xoias" que tiñan o valor engadido de pasar de xeración en xeración. Regalos de namorados, encargados a carpinteiros ou, as máis humildes, feitas por pais, irmáns ou avós, as espadelas e espadeleiros que recolle a mostra son testemuño dunha singular manifestación laboral e artística.