Os Encontros de Música Tradicional cumpren a súa maioría de idade. Van xa dezaoito edicións desta cita imprescindible para amantes da cultura e da música tradicionais: O sábado 3 de xuño, o Mosteiro de Carboeiro e a súa contorna serán un ano máis o escenario dos Encontros, froito do traballo da Asociación Intercultural Santa Ferreña e de centos de persoas que colaboran "achegando o mellor de si".

O programa comezará, coma decote, arredor da unha da tarde, cunha sesión vermú amenizada polos grupos da bisbarra, seguida pola procesión da Santa Ferreña, a santa pagá que convoca todos os anos centos de devotos, acompañada polos papamoscas de Viravolta. Pero antes haberá que poxar as andas; os postos para levar a santa serán para quen máis ferreños pague por eles, seguindo tamén a tradición. Como novidade, haberá coca.

Xantar por 15 euros

O xantar popular ofrece empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño ou auga e café con gotas, todo por 15 euros. Non ha faltar a feira de artesanía: Instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería... Xa pola tarde, haberá xogos tradicionais con Xandobela e Itaca. Eira xandobeleira é unha ludoteca itinerante con pasatempos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.

No patio do mosteiro atoparase o Recuncho do tocar, para todos os músicos que queiran botar unhas pezas nun espazo máis recollido. Xa á tarde, Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, contador lalinense que leva ben anos investigando na tradición oral, achega unha sesión de contos titulada Vivir do conto, contar a vida, na capela do mosteiro. Tamén haberá lugar e tempo para un faladoiro, Por unas papas de arroz, arredor das espadelas no Val de Vea, coa espadeleira Estrella Eiras e o construtor de espadeleiros Manuel Iglesias.

E, ao que se vaia facendo noite, seguirá a foliada, "que durará... ata que o corpo aguante", como reza outro dos seus lemas. Desde a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro insisten en que "esta festa é posible grazas ao traballo desinteresado e laborioso de moita xente", para o que agradecen "a colaboración e comprensión de todas as persoas asistentes". Sinalan que para sufragar os gastos cóntase coa propia cantina da festa e cunha pequena axuda do Concello de Silleda, así que convidan a quen queira manter viva esta celebración a colaborar, e remarcan a importancia do respecto pola festa tal como é. "Non veñen ao caso picadiscos espontáneos ou a presenza de xeneradores eléctricos para desenvolver outro tipo de festas, xa que os Encontros son unha vez ao ano e hai que gozalos tal e como son", proclaman desde o colectivo, sen esquecer o seu xa emblemático berro de Viva a xuventude e a xente vella que non morra!, que, sen dúbida, volverá escoitarse o vindeiro día 3 na contorna do vello mosteiro trasdezao.