No tempo en que mandan as tablets, cómpren iniciativas que defendan o libro en formato papel e cuestións asociadas a el e que parecen tan banais como o olor que desprende un volume recén editado ou o feito de poder adivinar cántas páxinas quedan ata chegar ao final da historia. Por iso, Libros na rúa, unha proposta que xa leva facendo Silleda por terceiro ano seguido, volveu converterse onte nun éxito. Por dous motivos: porque se venden libros de segunda man a un prezo máis que asequible, a un euro, e porque así promóvese a lectura entre os veciños máis novos.

Dende media mañá e ata media tarde numerosos postos estiveron abertos na Praza da Igrexa do casco urbano trasdezán, atendidos por estudiantes dos CEIP de Silleda e Ramón de Valenzuela, de A Bandeira, así como polos do instituto Pintor Colmeiro. Tamén colaboraron representantes das Anpas dos dous colexios públicos mencionados. Esta venda de libros forma parte do programa do Mes das Letras, e incluía outras actividades como obradoiros de chapas e de marcapáxinas, así como dúas sesións de contacontos. A primeira foi pola mañá, da man de Dadá o Duende, e pola tarde, con Anxo Moure, moi bo coñecedor da comarca xa que tén estado nela con personaxes tan entrañables como O Apalpador. Toda a recadación que se obtivo nesa venta de libros entregouse ao programa Silleda Solidaria, que traballa coas familias con menos recursos do municipio.

Libros na rúa non foi a única iniciativa que tivo lugar onte nas terras trasdezás. Pola tarde, pero na biblioteca municipal Daniel Castelao, o grupo Bavaluva Teatro propúxolle aos participantes a realización dun retrato pictograma de Carlos Casares, o escritor ourensán ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas. Este taller estaba aberto a todos os veciños que desexasen participar, pero orientábase sobre todo a nenos de entre 5 e 12 anos.