Máis dun cento de persoas participaron onte na homenaxe organizada polo BNG ao exconcelleiro José Luis Sucasas Fernández, falecido repentinamente o pasado 31 de marzo. O "home de ideas para unha Galiza mellor", título do folleto conmemorativo que se repartíu aos presentes nun acto celebrado a carón doutro sabio lalinense, o astrónomo Ramón María Aller. Nese espazo público, en homenaxe a Sucasas, plantouse unha árbore do amor ( Cercis siliquastrum) e descubreuse unha pequena placa coa lenda "falaba coa dozura incontestable dos anos calados"; unha frase do propio Suqui, como era coñecido entre os moitos amigos que tiña este veciño de Cadrón.

O responsable local do BNG, Manuel Carbón, presentou un acto no que en primeiro lugar o alcalde lalinense, Rafael Cuiña, foi invitado a falar como amigo. Destacou a brillantez, a capacidade humana e literaria dunha persoa para a que plantexou a posibilidade de que o centro social da súa parroquia natal leve o su nome. O portavoz municipal do Bloque, Francisco Vilariño, describíu a Sucasas como un "camarada",un "patriota" e unha persoa "intelixente e retranqueira" que deixa un legado valioso. Visiblemente emocionado, citou a Manuel María para falar de alguén querido como fillo, pai, irmán, amigo e apaixoado "da súa santa", como Sucasas se refería á agora súa viúva, Chiruca, ademais de destacar o seu amor polos seus fillos, Cibrán e Elena. "Non é preciso que falte para valoralo", dixo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, falou logo de que tamén o fixera moi emocionada Alba Suárez Sucasas; membro do consello local e familiar do homenaxeado. Pontón, como os demais oradores, destacou a calidade humana de Sucasas e o seu perfil único para, desde a escrita, ser capaz de analizar coma poucos o país no que cría profundamente como galego. "Entregounos o mellor del, traballemos arreo para que o seu soño sexa unha realidade", dixo.

Ao acto, amenizado polo grupo de gaitas Bico da Balouta, acudiron moitos compañeiros de partido da bisbarra como Matías Rodríguez da Torre, Xoán Blanco, Bieito Lobeira, Carme Adán, o exedil do PSOE de Lalín Cristóbal Fernández e moitos amigos de Sucasas, ademais da súa familia e a súa viúva. Un acto emotivo a unha persoa cun talento extraordinario para a escrita e tan galego coma o himno que sonou para pechar a homenaxe.