O punto de encontro en A Estrada cada Día das Letras Galegas está a carón do monólito dedicado ós irmáns Marcial e Avelina Valladares, nos xardíns municipais. Como cada ano, onte ó seu pé realizouse una ofrenda floral na que participou o escritor e director teatral vigués Eduardo Alonso, o pregoeiro deste ano na festa das Letras estradense.

A choiva respetou o acto, de arredor de media hora, ó que asistiron membros do grupo de goberno e tamén concelleiros da oposición, así coma veciños e representantes do eido cultural local. Non faltou a lembranza a Carlos Casares -o autor ourensá ó que este ano se lle dedican as Letras Galegas- nin mención ás súas obras, como o libro infantil "A Galiña Azul", ó que aludíu o dramaturgo Xosé Lueiro. Porén, tampouco se esqueceu o legado vital e literario de autores locais, coma os mencionados Valladares, Manuel Daniel Varela Buxán, Xosé Manuel Cabaza Vázquez, Manuel Reimóndez Portela ou Manuel García Barros, para quen, por certo, reclamaron un ano as Letras Galegas. Autores que "contribúen, sen lugar a dúbidas, a reforzar o prestixio da nosa lingua e o prestixio da festa que hoxe celebramos", dixo a concelleira Amalia Goldar.

Lueiro presentou ó pregoeiro como "un dos grandes responsables da normalización do idioma galego na escrita teatral". Responsable da compañía Teatro do Noroeste, Alonso ten colleitado numerosos premios, un dos máis importantes, o Max das Artes Escénicas. O dramaturgo manifestou a súa "preocupación" pola perda de galego-falantes e defendeu a lingua como "algo máis que un sistema para entenderse; a lingua estrutura o pensamento, que é a esencia máis definitoria do ser humano", dixo. "É a forma especial de ser e de sentir o universo", engadíu. Fixo tamén mención ó papel de Carlos Casares na creación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e á súa valía como autor e director, Alonso rematou facendo un chamamento ós máis novos, ó futuro: "A lingua fainos especiais. Mozos e mozas, falade galego!". Tralos discursos, realizouse a ofrenda floral e a Banda de Gaitas de Barbude, que recentemente recuperou o seu acordeón roubado, interpretou varias pezas.

Este dos xardíns municipais non foi o único acto de celebración da festividade das Letras no municipio estradense. Houbo tamén outras iniciativas, como a impulsada pola asociación A Fervenza de Ouzande, que realizou a súa XII Ruta das Letras, coa participación de 17 persoas. Partiu da igrexa da parroquia, lugar ó que volveu logo dunha andaina polos montes de Pedralba e arredeores, de quince kilómetros. Os camiñantes foron agasallados con libros de autores gañadores do Premio de Teatro Varela Buxán.