Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O globo da Xesta

A Asociación de Veciños San Pedro Félix intenta recuperar esta tradición da festa do Carme, desaparecida a comezos dos anos 70

Banda de música da Xesta no ano 1929, con Antonio Rodríguez García (primeiro fiscorno pola dereita).

Non sabemos certo cando comezou este costume, pero sí cando rematou, que foi aproximadamente no ano 1972. Do inicio desta tradición só podemos estimar que puido ser o bisavó de Antonio Rodríguez quen iniciara o lanzamento do primeiro globo, polo que esta actividade remontaríase aos dous últimos decenios do século XIX. Posteriormente continuaría o seu avó, Antonio Rodríguez García. Si lembra Toño Rodríguez que remataron os lanzamentos do globo cando el tiña 15 ou 16 anos, e foi debido a que por circunstancias da premura do tempo na confección do aparato, este non se rematou coa perfección que se acostumaba a facer, e quixo a mala fortuna que o globo fora caer no monte común da Xesta e que ocasionara un incendio. Os veciños tiveron que acudir apresuradamente a sufocar o lume deixando a actividade festiva. Por mor desta circunstancia non houbo máis lanzamentos.

Describe Toño Rodríguez a mecánica de construción do aeróstato. Tiña no fondo unha estrutura circular feita de aramio e no centro deste círculo colocábase o queimador. Alí prendíase o lume nunhas fías ben molladas do combustible. Refire que este era unha mestura composta de varias substancias, podendo ser algunha delas acetileno que estaría mesturada con outras que non recorda. O globo era de papel, dun papel especial que mercaban. O papel viña en pregos cuadrangulares que había que despregar e cortar conforme a un patrón. Recorda que nos últimos anos o papel era de moitas cores, o que lle daría ao globo unha aparencia divertida e festeira, que era o que se pretendía. Os trozos de papel xuntábanse cunha cola especial, recordando Toño a forma daquel frasco que tiña na tapa unha pequena brocha para estender o adhesivo. Detalla que o papel era máis consistente na parte baixa do aeróstato, a que engarzaba coa estrutura de aramio. Na parte central e alta do globo o papel era máis livián. Na cúpula do globo, que remataba en pico, había unha pequena estrutura poligonal de aramio cunha punta que sobresaía cunhas argolas ou algo similar.

A operación de lanzamento era complexa e precisaba de varios axudantes. Unhas dez persoas sostiñan a estrutura de aramio. Lembra aínda ao seu pai e ao seu avó introducíndose no interior do globo para poñer en marcha o queimador. O labor de Toño era levantar o globo cunha baloira que se enganchaba na cúpula do aeróstato. Esta operación de lanzamento facíase a carón da capela do Carme da Xesta e do valado alto da finca sita ao lado contrario da pista. Á capela encaramábase unha persoa e ao valado subía outra, e conxuntamente axudados dunhas baloiras levantaban e contiñan o globo. Esto da a idea da gran dimensión que chegaba a alcanzar o aparello. A medida que ía quecendo o aire no interior, o globo inflábase e cando alcanzaba a situación ideal, soltábanse as baloiras e o globo iniciaba o voo entre a algarabía da concorrencia.

Sobre a singradura e rumbo do globo hai varias anécdotas. Refire que grazas a un labor de equilibrado da estrutura de aramio, o globo non se dobraba pola acción do vento e ascendía rectilíneo, dereitiño cara o ceo. E, como o queimador seguía funcionando, o globo podía chegar a longa distancia. Conta Toño que no aeróstato deixábase unha nota con varias direccións solicitando a quen o atopase que dise noticia do feito por carta. E certo ano recibiuse unha carta do norte de Portugal, cunha caligrafía coidada, informando do achádego dos restos do globo, polo que o aparello voou máis de cen quilómetros cara o sur.

A asociación de veciños San Pedro Félix da Xesta impulsa un proxecto para recuperar esta tradición. O obxectivo é facer o primeiro lanzamento do globo da Xesta da era moderna. Farase na festa do Carme deste ano, o domingo 30 de xullo. Certamente, non será o aeróstato das mesmas características que era, por evitar incendios. Será un globo de helio ao que se lle pretende incorporar unha cámara e un localizador gps, ademais da carta coa mensaxe, coma antano. A honra de facer este primeiro lanzamento da era moderna corresponderalle á familia Rodríguez, como ten que ser e, entre eles, como non, a Toño Rodríguez. Para poder levar a cabo esta operación recabaranse os permisos correspondentes de navegación aérea e adoptaranse todas as medidas que correspondan. De todos os xeitos, o globo será inofensivo, moi lixeiro e de materiais biodegradables. Aínda así, non deixará resto ningún pois, unha vez situado o punto de descenso, irase a recoller os materiais grazas ao localizador gps.

Son moitas as anécdotas que recorda emocionado Toño. Lembra cando saían a correr do restaurante pola noite para ir a confeccionar o globo, incluso meses antes da festa do Carme. Lembra que a hora exacta do lanzamento era ás 12 do mediodía do domingo da festa, podendo ser para coincidir coa saída da misa. Naquel tempo igualmente era preciso obter o visto bo da autoridade, indo un garda civil a supervisar as operacións, e lembra a presencia do Alcalde Licho nalgún lanzamento. E moitos máis recordos en relación ao seu avó, Antonio Rodríguez García, do que manifesta que, sen ter estudios, era unha persoa cunha capacidade extraordinaria.

Antonio Rodríguez García, que tocou o fiscorno na Banda da Xesta, foi encargado da obra do ferrocarril no tramo Botos-Tellado. A súa construción heroica marcou a historia da Xesta e das outras parroquias polas que pasa a vía. Comezou en 1927 e o tramo entre O Carballiño e Santiago entrou en funcionamento o 9 de setembro de 1958. As obras foron levadas a cabo pola compañía MZOV ( Medina del Campo a Zamora y de Ourense a Vigo), empresa para a que traballaba Antonio. Posteriormente, foi encargado das obras nas estradas da Xesta ao Irixo e de Vilatuxe á Cruz da Grade.

Estas e outras historias arredor da Xesta estanse intentando recompilar noutro proxecto que impulsa a Asociación de Veciños San Pedro Félix denominado Memorias da Xesta. O obxectivo do mesmo é fortalecer a identidade social e preservar a memoria colectiva da parroquia e das súas xentes. Para elo estanse creando espazos para compartir información e realizando unha tarefa de indagación sistemática e participativa, continuada dun proceso de documentación e difusión. Na fase inicial estanse realizando entrevistas a veciños, especialmente aos de idade máis avanzada, e unha recompilación de fotografías relativas á parroquia e as súas xentes.

Compartir el artículo

stats