O auditorio Xosé Casal, ubicado no casco urbano de Vila de Cruces, acolle mañá ás 21.00 horas a representación da comedia O caso é ter saúde, a cargo da compañía Malasombra. Esta peza xa se puido ver noutros municipios da zona, como Cercedo-Cotobade, e a trama xira en torno a Miki, un home que é abandonado pola súa parella 20 anos despois do comezo da súa relación o 22 de decembro, coincidindo co sorteo da lotería do Gordo de Nadal. Miki tén un décimo premiado, co que non sabe se sentirse eufórico por esta achega de diñeiro ou deprimido pola súa situación sentimental. Conforme avanza a trama, na vida do protagonista van aparecendo diversas persoas, e con elas situacións ridículas que servirán para que o público reflexione sobre a condición humana e, sobre todo, sobre a ambición en torno ao diñeiro. A compañía Malasombra creouse en 2006 da man do actor Xoque Carbajal, que mañá actuará no auditorio cruceño xunto a Celia González, Jouse García, Patricia Rodríguez e Carlos Mosquera. A entrada é gratuita.