Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Telleira de Sello

Recordos e vivencias relatados pola familia propietaria e por extraballadores desta industria con motivo do roteiro do día 2

Detalle dos fornos da antiga fábrica. // J.L.R.J.

A Cerámica de Sello foi unha industria próspera que chegou a dar emprego nos seus mellores momentos a case cincuenta persoas. Alí traballou xente da contorna e de Vila de Cruces, Oirós, Besexos, Sabrexo e moitos outros lugares. Empregou a bastantes mulleres. Incluso viñeron temporeiros que facían vida seis meses ao ano a carón da Telleira. Xente moza traballou alí nos veráns para poder costearse os estudos. A fábrica pechou en febreiro de 1993. Moitos dos que foron empregados da telleira e membros da familia propietaria aínda lembran o seu funcionamento e anécdotas que nos foron relatando.

A Telleira de Sello era unha empresa familiar. Foi fundada polo matrimonio formado por Manuel, coñecido polo alcume de O Carralo, e Ernestina. Tiveron dez fillos: Álvaro, Fernando, Luis, José, Milagros, Isabel, Mari, Manolo, Eva e Diego. Cóntannos os máis novos que aínda lembran os seus xogos infantís na telleira cando se bañaban na lagoa, a que recordan cunha auga cristalina e limpa, e lembran cando se tiraban a rebolos pola morea de material arxiloso extraído para facer o ladrillo.

En canto ás orixes da Cerámica de Sello, estas pérdense un pouco na nebulosa do tempo. Cóntanos Álvaro que seu pai mercou as participacións que tiñan no negocio Barros de Santiso e o seu avó materno Nilo. Polo tanto, remontariámonos a máis de cincuenta anos atrás. Lembra o fillo maior que seu pai xa traballara nas minas da Brea. Pero refírenos tamén que na zona de Sello había tradición de transformar o barro, que, cando non existía maquinaria, pisábase cos pes ou coa axuda de animais. O proceso de extracción da arxila sería á man, índose a buscar a veta boa aos lugares onde se localizaba este material polos arredores de Sello, e neste afán de seguir a veta, afondábase na escavación, e algún quedou debaixo do barro por derrubes.

E, tratando de documentar este relato, acudimos ao Catastro de Ensenada, feito en 1752. Alí, no apartado da Feligresía de Santiago de Sello, na pregunta número 17 sobre minería e manufactura, aparece que " también hay en el territorio de esta feligresía dos hornos en que se cuece teja pertenecientes el uno a Domingo Vázquez y el otro a Juan González los cuales traen arrendados a otros distintos sujetos y por ellos le dejan de utilidad treinta Reales de vellón". Polo tanto, queda así acreditado que esta actividade de cocer o barro e a tella en Sello ten unha longa traxectoria que vén polo menos dende o século XVIII.

Voltando á actividade da Cerámica de Sello, durante o seu dilatado periodo de funcionamento o proceso produtivo foi incorporando os avances tecnolóxicos que ían aparecendo. Nunha fase inicial case todo o proceso sería manual, para, máis tarde, incorporar maquinaria movida por gasóleo ata que, nos anos 1968-1970, aproximadamente, tróuxose a liña de corrente eléctrica en alta tensión dende Oís Grande, recordando que para afrontar este investimento a familia precisou de vender unha casa. Lembra Álvaro que nos anos 80 a factoría experimentou unha grande reforma aproveitando maquinaria traída doutras industrias que pechaban en Toledo. Na época de máximo esplendor, a Cerámica de Sello chegou a ocupar máis de 5.000 m2. Aínda que tamén facía tella, a fábrica centrouse na produción de ladrillo de distintas formas con grande éxito de ventas.

Proceso de fabricación

O proceso de fabricación parece ser que tiña catro fases principais. Primeiro, extraíase a arxila escavando no chan e facendo o enorme burato que hoxe quedou convertido en lagoa. Posteriormente, facíase unha mestura con auga dos materiais obtidos no lugar ao que se lle engadía barro traído de fora co que se facía unha masa. En terceiro lugar, elaborábanse cuns moldes as tellas e ladrillos de diversos tipos que, unha vez recibida a forma, tiñan que ter un proceso de secado. E, en cuarto lugar, pasábase á fase de cocción nos fornos e almacenamento do produto elaborado para a súa venta a granel ou, nos últimos tempos, en palés.

A actual lagoa é o resultado de encherse de auga a enorme canteira que se fixo ao escavar para obter a arxila. Ao iren afondando, os camións que cargaban a arxila tiñan cada vez unha subida máis dificultosa. En ocasións a maquinaria quedaba atuada no fondo da canteira e había que remolcala. A extracción do barro facíase no verán e o material que se obtiña deixábase secar e repousar. Tentábase recoller suficiente para todo o ano seguinte e algo máis. Antes de comezar o proceso de extracción, era preciso achicar a auga que se acumulaba no fondo. Viñan palas e camións de fóra para facer este traballo de extracción e acopio.

A actividade da canteira estaba amparada por unha concesión administrativa do departamento de minas que era preciso renovar periodicamente, e, en base a ela, podíanse ocupar fincas. Nos inicios era necesario escoller ben as vetas de mellor arxila, pero cando o volume de produción aumentou xa non era posible seleccionar tanto o material. Nos últimos tempos escavábanse case cen toneladas diarias e, como o barro tiña que ter liga, mesturábase o material extraído con barro que viña de Boimorto e Arceu, que tamén lle servían a outras fábricas de Galicia, como Catoira e Pontecesures. Do carrexo ocupábanse moitos transportistas da zona e moitos dos camioneiros locais facían o transporte para Sello como a última viaxe do día. A porcentaxe de material foráneo que se incorporaba ao extraído en Sello era dun dez por cento, aproximadamente. Álvaro detalla que era moi importante deixar repousar o material extraído para que se curtise. Había que ter en conta que se na arxila ían herbas ou raíces era necesario que estas apodrecesen para non malograr todo o proceso. Había unha operación de mestura do material estendendo e alternando capas co barro local e o foráneo.

Varias máquinas trataban os materiais para facer o ladrillo. Unha cinta alimentadora levaba o mineral, do que había que retirar as pedras, a unha tolva. Daí pasaba a un muíño de rulos que aplastaba e estendía o barro, triturando todo tipo de pedriña que quedara. O material pasaba a outro muíño con dúas grandes rodas que andaban unha contra a outra. Dende alí ía a unha amasadora. Despois pasaba a outro muíño que terminaba de pulir a mestura. A galletera quitáballe o aire á mezcla de barro para pasar ao molde dos ladrillos, que os facía "coma se fosen chourizos". Unha máquina de aramios de aceiro cortaba os ladrillos, que logo ían a unha fase de secado con aire quente a oitenta graos.

A fase de cocción era moi importante para obter un bo produto. Os fornos eran dous túneles feitos de ladrillo refractario de aproximadamente 20 metros de lonxitude que aínda existen hoxe e poden verse. O lume facíaselle por riba, onde estaba instalada unha plancha de fundición, e o combustible empregado para facelo era serrín e casca de pino que comentan que procedía da serraría Bouzas, na Susana, preto de Santiago de Compostela. Tamén se traía doutras serrarías locais, como Merza, Cercio, Laro, O Corpiño. Calcula Álvaro que cada día se consumían 40 ou 50 metros cúbicos de serrín.

Os ladrillos tiñan que cocerse a mil graos. De superarse esta temperatura, estropearíanse e acabarían fundidos. O forno funcionaba continuadamente, as vintecatro horas do día, pois arrancar o proceso de cocción levaba horas e polo tanto era convinte que non se interrompera. Este proceso era circular e por seccións, polo que mentres cocía ladrillo nunha parte do forno, na seguinte sección colocábase máis material para cocer, e unha vez rematada a cocción íase retirando os ladrillos xa cocidos, e así continuamente.

Posta en valor

O declive definitivo da Telleira de Sello derívase dunha serie de circunstancias que se deron nun contexto de crise de todo o sector da cerámica. Xa estaba en marcha a modernización da Telleira de Sello e construída unha estrutura na que se ía instalar un enorme forno circular eléctrico de catro metros de ancho nunha plataforma con raís. A modernización da fábrica non chegou a completarse. Dos máis de trinta ceramistas que existían e que constituíran unha asociación, unicamente quedaron catro ou cinco funcionando, e tamén algunha empresa que conseguiu modernizar a factoría rematou desaparecendo. Debido a esta situación, a fábrica da Telleira de Sello non pudo seguir sendo competitiva, e esto foi o que a avocou ao peche. Hoxe quedan os recordos, os restos dos fornos, a fermosura da lagoa e un espazo singular que merece ser coidado e posto en valor.

Entre as silvas e o abandono, a Telleira de Sello é hoxe un punto de geocaching. Trátase dunha actividade recreativa para localizar un lugar concreto co gps onde se agocha un "tesouro" en forma de caixa e, quen o atopa, pode deixar constancia da súa visita. Houbo un proxecto de recuperación da Telleira de Sello e a súa contorna no ano 2007 que non chegou a bo fin malia que estaba concedida unha partida importante pola Xunta de Galicia para elo. O novo goberno municipal de Lalín manifestou na prensa a súa intención de retomar este proxecto por ser o entorno da Telleira de Sello un humidal de gran interese que se atopa naturalizado e no que conviven varias especies animais e vexetais. Esperamos que esto se poida levar finalmente a cabo. Roteiros de Lalín aporta o deseño desta ruta que queda a disposición de todos e todas e coa que se pretende animar para que a recuperación do entorno da lagoa da Telleira de Sello sexa algún día unha realidade.

Compartir el artículo

stats